O BNG leva a Bruxelas unha delegación do sector agro-gandeiro para defender Galiza na reforma da PAC

Nas xornadas de traballo organizadas pola eurodeputada Ana Miranda participarán os alcaldes de San Sadurniño e Mazaricos e o presidente de Fruga

O BNG leva a Bruxelas unha delegación do sector agro-gandeiro para defender Galiza na reforma da PAC

Unha delegación do sector agrario, gandeiro e da protección da biodiversidade viaxará os vindeiros mércores e xoves 7 e 8 de novembro a Bruxelas para participar nunha xornada de traballo organizada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda sobre o impacto en Galiza da futura reforma da Política Agraria Común (PAC) para o vindeiro período 2021-2027 que actualmente se está negociando. 

“Desde o BNG defendemos unha PAC social, ecolóxica e con prezos xustos”, subliña Ana Miranda, quen defende que a política agraria comunitaria ten que ter en conta a realidade galega, onde a agricultura e a gandería forman parte dun dos sectores produtivos fundamentais.

Posto que se prevé na reforma da PAC que se está tramitando que os Estados Membros van ter máis posibilidade de decidir, o Bloque considera que esta circunstancia debe ser aproveitada para que Galiza non saia prexudicada e conte cun modelo agrario “propio e diferenciado do resto do Estado”.

O sector galego que se trasladará a Bruxelas para participar na xornada de traballo impulsada por Ana Miranda estará representado, ademais de polos alcaldes de San Sadurniño, Secundino García, e Mazaricos, Juan José Blanco; o presidente de Fruga e viticultor da zona de O Ribeiro, Xurxo Álvarez; e o presidente da Organización de Comunidades de Montes, Alfredo Pereira, entre outras entidades. Ao longo da xornada a delegación terá a oportunidade de manter encontros cos responsables da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea.