O BNG leva a Bruxelas unha delegación da pesca de baixura e marisqueo para defender os intereses galegos

Nas xornadas de traballo organizadas pola eurodeputada Ana Miranda tamén participarán a alcaldesa de Moaña e o concelleiro de Mar de Fisterra

O BNG leva a Bruxelas unha delegación da pesca de baixura e marisqueo para defender os intereses galegos

Unha delegación da pesca galega de baixura e marisqueo viaxará os vindeiros luns e martes 8 e 9 de outubro a Bruxelas para participar nunha xornada de traballo organizada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda sobre os fondos comunitarios marítimo pesqueiros para o vindeiro período 2021-2027 que actualmente se están negociando. A importancia da presencia do sector galego en Bruxelas radica en que precisamente o prazo de presentación de emendas remata o vindeiro día 12 de outubro.

As xornadas de traballo incluirán un seminario sobre a política pesqueira común, a cargo de Brian O´Riordan, Director Adxunto de LIFE - Pescadores de Baixo Impacto Ambiental, así como a asistencia á sesión da Comisión de Pesca prevista para o luns pola tarde. Xa o martes a delegación de pesca celebrará unha entrevista, na Comisión Europea, con Elisa Roller, xefa de Unidade da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea e diversos responsables dos fondos e as cotas comunitarias.

Nestas xuntanzas estarán representadas dúas vilas netamente mariñeiras como son Moaña e Fisterra, coa presenza da súa alcaldesa Leticia Santos e concelleiro de Mar, Xan Carlos Sar, respectivamente; así como algunhas das confrarías de pesca galegas. A Bruxelas desprazaranse o patrón de Cangas, Francisco Javier Costa; de A Illa de Arousa, Juan José Millán; de Redondela, Clemente Bastos; de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias; así como unha representante da Confraría de mariscadoras da Ría do Burgo, María Teresa Ramiro; un representante da Confraría Fisterra, Rafael López; e de Muros, Primitivo Pedrosa.

Nas xornadas de traballo participarán asemade o secretario do Consello Regulador do Mexillón, Alfonso Alcaide; o patrón da Fundación Pescanet Pesca Sostible, Emilio Louro; e o biólogo da confraría de Barallobre, Joám Luis Ferreiro.

Tratamento específico

“A pesca artesanal e de baixura é unha parte esencial do sector pesqueiro galego que require un tratamento diferencial, por iso consideramos tan importante que poidan participar directamente nas negociacións”, destacou Ana Miranda. A eurodeputada, recollendo as suxestións do sector, xa denunciara na Comisión de Pesca do pasado mes de xuño algunhas medidas que a Eurocámara pretende instaurar, como a excesiva imposición de trámites administrativos aos mariñeiros e a instalación de cámaras nas pequenas embarcacións.

Asemade, Miranda promove unha nova definición de pesca artesanal, en tanto que considera que a actual é “limitada” ao definir como pesca artesanal a eslora de menos de 12 metros. “Esta definición non é a máis acaída para a pesca de baixura galega e hai que ter en conta outros criterios, como a distancia da costa e o uso de artes sostibles”, explica a eurodeputada galega.