O BNG leva ao pleno do Parlamento a loita contra a violencia machista e a demora na construción das fragatas

Olalla Rodil
Olalla Rodil

“Cal sería a reacción ante o asasinato de 45 políticos ou futbolistas”, pregunta Rodil para denunciar a morna resposta institucional e xudicial contra o terrorismo de xénero

O Bloque pide á Xunta que utilice a comisión de transferencias para axilizar o traspaso da AP9 a Galiza

O BNG leva ao pleno do Parlamento a loita contra a violencia machista e a demora na construción das fragatas

Ás portas do 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, o BNG leva ao pleno do Parlamento a loita contra o terrorismo machista tanto a través da sesión de control ao presidente da Xunta como dunha proposición non de lei para reclamar máis fondos para combater unha realidade que, na última década, acabou coa vida de 45 mulleres.

“Cal sería a resposta da Xunta se na última década fosen asasinados 45 representantes políticos, -máis da metade deste Parlamento-, ou por citar outro exemplo, 45 xogadores de fútbol?”, interpelaba a viceportavoz, Olalla Rodil, tras a reunión da Xunta de Portavoces. “A resposta institucional e xudicial sería a mesma? Seguiríase limitando a reacción a minutos de silencio rituais ou vetando máis recursos?”

Neste sentido, o Bloque pedirá en que a Xunta incremente a contía destinada á prevención e loita contra a violencia machista nos Orzamentos até chegar ao 1% do total. “Falamos de 90 M€ nun orzamento que supera os 9.000 millóns, unha cantidade perfectamente asumible que só precisa da vontade política de Feixóo para enfrontar un dos principais problemas sociais que atenta contra os dereitos fundamentais da metade da poboación”.

Rodil tamén avanzou que o retraso deliberado por parte do Goberno de Raxoi da construción das fragatas F-110 na ría de Ferrol será cuestión prioritaria na vindeira sesión plenaria.

“Queremos que o Goberno explique se lle parece decente que o Executivo do PP que lideraba Raxoi retrasou deliberadamente a construción destas fragatas para favorecer os intereses económicos do que era ministro de Defensa”, indicou Rodil, porque de confirmarse  “estariamos diante dunha corruptela gravísima con risco para centos de postos de traballo nunha comarca que non está sobrada de emprego”.

A situación da sanidade pública volverá ser obxecto dunha iniciativa do Bloque “porque en contra da propaganda oficial a opinión das galegas sobre o sistema público de saúde é cada vez peor, denunciando nas enquisas os efectos dos recortes e da privatización na sanidade”, explicou a viceportavoz.

Finalmente, leva á Cámara o pelotazo urbanístico que o PP quere dar en Mos para  construír un macrocentro comercial. “Estes días vimos a campaña de alerta e de socorro lanzada polo comercio local en todo o país, da que a Xunta debe tomar nota porque están en xogo milleiros de postos de traballo e a revitalización social e económica que aporta o comercio de proximidade”, argumentou.

Escalada de peaxes

A preguntas dos medios, a viceportavoz parlamentaria volveu deixar claro a oposición do BNG a proposta do Goberno de Pedro Sánchez, recuperando unha iniciativa do PP, para impoñer peaxes nas autovías, cando o que se precisa é xusto o contrario, “acabar coa estafa das peaxes da AP-9”.

“Esa proposta é unha barbaridade e os galegos e as galegas xa soportamos o roubo a man armada que supoñen as tarifas da AP9. O único razoable é levantar canto antes esa estafa”, demandou Rodil, quen lembrou á Xunta que, se realmente ten interese en conseguir a xestión desta autoestrada, non precisa esperar ao debate no Congreso e pode utilizar a comisión de transferencias Xunta-Estado para reclamar ese traspaso canto antes.