O BNG leva ao Parlamento europeo a catástrofe medio ambiental do Río Tea

Ana Miranda visita a zona afectada polo verquido no río Tea

Ana Miranda denunciará en Bruxelas o verquido de máis de 3.000 litros de sosa cáustica procedente da empresa Augas de Mondariz e Fuente del Val S.A que provocou a morte de media tonelada de peixes e a contaminación en 2 Qms do río

Ana Miranda visita a zona afectada polo verquido no río Tea

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda denunciará ante a Comisión de Peticións do Parlamento europeo a catástrofe medio ambiental provocada no Río Tea, tras o verquido de sosa cáustica procedente da empresa Augas de Mondariz e Fuente del Val S.A.

A nacionalista que visitou onte a zona afectada acompañada de responsábeis do BNG en Mondariz-Balneario e Mondariz ao fin de comprobar o dano causado polo verquido, tamén visitou a Estación Depuradora de Augas Residuais, onde constatou a súa “infrautilización”.

A portavoz do BNG en Europa visita a zona afectada polo verquido contaminante

Tras estas visitas, Miranda manifestou que a EDAR, cofinanciada cun millón de euros polo FEDER co obxectivo de seren utilizada polos concellos de Mondariz-Balneario e de Mondariz como tamén figura no convenio asinado polos alcaldes do Partido popular no ano 2005, non está a cumprir o seu cometido nin o convenio. Para a portavoz do BNG, este incumprimento é produto do desacordo entre o PP, o que está a provocar a “contaminación fecal crónica” no espazo LIC Río Tea incluído na Rede Natura e propiciou que as augas do verquido tóxico chegaran directamente ao río provocando unha “catástrofe medio ambiental” sen precedentes na comarca do Condado.

Unha depuradora paralizada por desacordos no Partido popular

A infrautilización da EDAR, engadiu a portavoz do BNG en Europa, compete as concellos implicados pero tamén a Xunta que debe velar polo cumprimento da normativa. Ana Miranda anunciou que presentará unha denuncia polo verquido producido, o pasado 1 de agosto, procedente da empresa Aguas de Mondariz e Fuente del Val e que destruíu parte da fauna piscícola do río Tea coa morte de troitas, salmóns anguías e cría de lamprea ademais da contaminación de dous qms do tramo do río.

Finalmente, Ana Miranda afirmou que levará á Eurocámara a denuncia desta catástrofe medio ambiental ante Comisión de Peticións do Parlamento Europeo polo seu grave impacto na Rede Natura así como a infrautilización do proxecto cofinanciado polo FEDER que, a xuízo da nacionalista, “podería ter evitado a catástrofe medio ambiental se a EDAR funcionara correctamente”.

A portavoz do BNG en Europa tamén denunciará as graves consecuencias de máis de media tonelada de peixes mortos e o impacto na calidade da agua.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG