BNG lamenta que o PP siga co seu rodete absolutista para gobernar en contra da xente e vender o País prezo de saldo
Olalla Rodil subliña que fronte á propaganda do PP, as 40 propostas do Bloque son para mellorar a vida das persoas e para que “Galiza gañe”
“As galegas e os galegos non aceptamos o ‘Ruedafeudalismo’ no que a cidadanía ten que ir darlle grazas ao gran líder polos favores que reparte”
A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, acusou o PP de falta de diálogo e de, máis unha vez, pasar o seu rodete absolutista neste Debate do Estado da Nación para seguir gobernando en contra dos galegos e galegas e para seguir vendendo o País “a prezo de saldo”. Un goberno, denunciou, cun presidente á fronte que é “o máis desleal e antigalego da historia” e que quere tapar a súa mala xestión con “propaganda, propaganda e quilos de propaganda”.
Fronte a un PP que non dedicou “nin media milésima” da súa intervención a falar dos “problemas que de verdade afectan á xente”, Rodil defendeu as corenta propostas de resolución rexistradas polo BNG para que “Galiza gañe” e co “centro de gravidade” posto “nas persoas, nas traballadoras e traballadores do País e nas súas condicións de vida”.
A do BNG é, destacou, a alternativa ao “Ruedafeudalismo” do PP , un modelo “no que a xente ten que ir darlle as grazas ao gran líder polos favores que reparte” e no que o goberno “non quere dereitos, senón caridade, e non quere cidadáns, senón servos”. Pola contra, as propostas do BNG perseguen un País “no que o dereito á saúde non dependa da tarxeta bancaria, no que o dereito á vellez digna non sexa un negocio nin un privilexio, onde pensemos nas xeracións que veñen detrás e que teñen dereito a herdar un territorio coidado e a seguir bebendo da fonte da nosa identidade”.
Entre a batería de iniciativas nacionalistas no eido social, todas rexeitadas polo PP, a viceportavoz subliñou a de elaborar un plan de rescate para a atención primaria, que reverta os recortes dos últimos 16 anos, situando o orzamento no 25 % do investimento do Sergas e garantindo a incorporación de 100 profesionais da psicoloxía clínica nos centros de saúde cun investimento anual de 5 millóns de euros.
Rodil reprobou a “política privatizadora” do PP, que promove “o negocio dun puñado de empresas coa vellez e “devolver os coidados ás casas por menos do que vale unha Risga” , cargando nas mulleres o traballo que non fai o goberno na Xunta. “A vellez é un dereito e os coidados un servizo público”, expuxo a deputada, e por iso o BNG propuxo a creación dun Servizo Galego do Benestar, un Sergas dos servizos sociais que garanta o dereito das persoas a vivir os últimos anos coa tranquilidade de estar ben independentemente da súa situación. No mesmo sentido, esixiu o rescate do Servizo de Axuda no Fogar e subir antes de xaneiro de 2026 o seu financiamento até 20 € a hora.
Latas de sardiñas na vez de vivenda digna
A deputada do BNG referiuse, por outra banda, á grave crise habitacional que está a afectar especialmente aos mozos e mozas, que non poden asumir cos seus salarios os elevados prezos da vivenda mentres o PP se mantén impasible, un PP que paralizou a política social de vivenda durante 15 anos, anuncia agora que vai facer nunha lexislatura o que non fixo nas catro anteriores e “de guinda” ofrece á mocidade vivir en “latas de sardiñas”, pisos de 30 m2 en espazos compartidos. “Emancípate nun hostel!”, ironizou. Das propostas “útiles” do Bloque, destacou, entre outras, a mobilización de 16.000 vivendas novas para incorporar ao parque público en dúas lexislaturas.
No apartado das propostas económicas, Rodil presentou unha alternativa fronte ao “espolio e a rapina” que promove o Executivo de Rueda, o presidente que se presentou neste Debate facendo “o que mellor sabe”, que é ser “comercial de Altri, representante do lobby eléctrico e agora tamén, portavoz da megaminería contaminante”.
“Deixen de impoñer o franquismo industrial da celulosa e defendan, como defende o BNG, a aposta firme pola ciencia e o coñecemento como sector estratéxico, de vangarda e de futuro”, asegurou, emprazando á Cámara a votar a favor da ampliación da moratoria do eucalipto como mínimo até o 2030. “O debate non é Altri ou a miseria”, advertiu.
Ao “espolio e a depredación” das políticas do PP, a viceportavoz contrapuxo un modelo de desenvolvemento industrial compatible coa protección do territorio e coa loita contra a emerxencia climática. Entre as medidas nacionalistas, destacou a da creación dun Fondo público soberano que invista no País, unha empresa pública de enerxía, unha tarifa eléctrica galega ou o impulso da minaría urbana.
No eido político, avogou polo impulso dun novo status político que recoñeza a Galiza como nación, “sen complexos, sen límites, non como un slogan baleiro senón como unha caixa de ferramentas necesarias para avanzar nun maior desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza”, manifestou.
Para iso, o BNG propón “dar un paso adiante” cunha ponencia específica dentro do Parlamento que elabore unha proposta política coa que “facer avanzar a Galiza partindo do dereito fundamental do pobo galego a decidir por si mesmos”. De maneira máis inmediata, defendeu convocar a comisión mixta de transferencias para reclamar todas as previstas no Estatuto.
A través das súas propostas de resolución, o Bloque pediu así mesmo un modelo de financiamento “xusto para o noso País” que lle dea a Galiza a chave dos seus cartos e competencias plenas en materia de recadación e imposición.
Rodil volveulle tender a man ao PP para que o galego siga ser “unha lingua viva e con futuro”, para o que é indispensable derrogar o decreto da vergoña, acordando un novo que garanta o uso do galego como lingua vehicular no ensino. “Non imos resignarnos a ver como a lingua propia de Galiza vai perdendo falantes e rexeitamos con absoluta contundencia as políticas antigalego que impuxeron e que son responsables da situación sociolingüística que temos hoxe no País”. “Tendémoslle a man para coser o que o PP desfixo”, proclamou.
“Este País ten todo para gañar, o único problema que ten son vostedes”, concluíu dirixíndose ás bancadas do PP.