Parlamento Galego

BNG presenta 40 propostas de resolución serias e ambiciosas para mellorar a vida das galegas e galegos e que Galiza avance

Olalla Rodil

Olalla Rodil acusa o PP de intentar crispar e enlamar o debate para non falar do que realmente lle preocupa á xente: “Ao BNG non nos van atopar aí”

O Bloque propón mobilizar 16.000 vivendas públicas, un Sergas de servizos sociais, un plan de rescate para Atención Primaria ou mellorar o SAF

Un fondo soberano para investimentos estratéxicos, unha empresa pública de enerxía, ou o impulso da ciencia, entre as propostas económicas

No plano político, a alternativa do BNG inclúe pedir todas as competencias contempladas no Estatuto e aquelas outras sobre as que xa existen acordo parlamentario, como Tráfico, Salvamento Marítimo ou inspección laboral

O BNG vén de rexistrar para o Debate do Estado da Nación corenta propostas de resolución “serias e ambiciosas” para mellorar a vida das galegas e os galegos e para facer que Galiza avance. Así o adiantou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, que destacou a vontade negociadora do Bloque para aportar solucións aos problemas reais do País, en servizos públicos, dependencia,  vivenda, ou para un modelo industrial que sexa respectuoso co medio e xere emprego e riqueza.

Rodil pediu ao PP “altura de miras” para dar resposta ao que a xente espera da política, deixando claro que “o BNG sempre ten a man tendida” para “falar do importante e dos retos que Galiza ten por diante nun contexto realmente convulso e incerto”. Criticou, neste sentido, que o PP aproveitase o Debate do Estado da Nación para “intentar crispar e enlamar co obxectivo de non falar do que realmente lle preocupa á xente”. “Ao Bloque non nos van atopar aí”, advertiu.

“Co BNG que non conten para arrastrar pola lama nin o Parlamento nin a política, porque as galegas e galegos non somos así. Ese é o estilo Rueda, non o de Galiza”, engadiu. Lamentou, neste sentido, o “PP crispado, enfadado e por momentos ridículo” que se puido ver no debate de onte, un PP que “só sabe lanzar insultos machistas á líder da oposición” e que lle falta ao respecto á Cámara e á xente do País.

A viceportavoz nacionalista reprochou ademais a pouca ambición do Executivo de Rueda, que na primeira sesión do Debate só presentou “anuncios resesos, repetidos ou sen proxecto de futuro para o País”. A modo de exemplo, referiuse á Lei de ciencia, que anunciaron xa en 2023, ou á Lei de administración local, que xa prometeu Feijóo en 2009 e 2013, e Rueda en 2024. No mesmo sentido, criticou o carácter privado das residencias para maiores anunciadas e que o PP “en vez de garantir o dereito a unha vellez digna, traballe para as empresas que fan negocio coa vellez”.  “Intentan tapar con quilos de propaganda a folla de servizo dun presidente que goberna en contra dos intereses de Galiza, que é o máis desleal e antigalego da historia”, remachou.

Fronte á folla de ruta debullada por un presidente que “asumiu o papel de comercial de Altri e portavoz do lobby eléctrico e da megaminaría contaminante”, o Bloque rexistrou a súa alternativa a través de corenta propostas de resolución centradas no ámbito económico, no benestar social e político.

A riqueza do País, ao servizo da maioría

No ámbito económico, o BNG propón poñer a riqueza do País ao servizo da maioría social e non da “rapina dun puñado de empresas multinacionais” , destacando entre as medidas a creación dun Fondo Soberano para os investimentos estratéxicos, cunha previsión de mobilizar 1.200 millóns de euros até 2030  en sectores clave, garantindo que o tecido produtivo e empresarial galego enraíce en Galiza.

Dentro destas medidas económicas inclúense ademais dúas propostas en materia enerxética para “rematar co modelo depredador e de espolio dos recursos galegos que está a levar a cabo o PP”, subliñou a deputada, que adiantou neste sentido propostas para crear unha empresa pública de enerxía ou impulsar a chamada minaría urbana, con proxectos de reciclaxe de residuos electrónicos, automóbiles ou residuos de antigas instalacións mineiras que conteñan metais e minerais valiosos. Ademais, Rodil puxo énfase na importancia de situar a ciencia e a investigación como motor de desenvolvemento para a transformación e modernización económica de Galiza.

No ámbito social, o BNG formula propostas como un plan de rescate da Atención Primaria, cun investimento do 25% do orzamento do Sergas e 100 novas prazas de psicoloxía clínica,  a creación do Servizo Galego do Benestar, un “Sergas dos servizos sociais” ou aumenta o financiamento da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) até chegar aos 20 euros a hora.

No apartado de vivenda, o Bloque propón a mobilización de 16.000 vivendas para incorporalas ao parque público en dúas lexislaturas, impulsando non só a construción senón a compra pública por parte da Xunta.

Rodil fixo fincapé así mesmo nas propostas en favor da igualdade, eido para o que o Bloque reclama destinar o 1% do orzamento galego. Pídese, ademais, rescatar para o público os centros de crise 24h e un “rexeitamento firme aos pactos coa extrema dereita machista, racista e antigalega”.

Un novo status para o País

No que ten que ver co plano político, a alternativa nacionalista pasa por dotar a Galiza de máis capacidade de decisión “sobre todos os asuntos que nos afectan”, máis soberanía porque é fundamental —salientou Rodil— para mellorar a vida dos galegos e galegas a través, exemplificou, dun novo modelo de concerto económico que lle dea ao País a chave dos seus cartos.

O BNG propón convocar a comisión mixta de transferencias para reclamar todas as competencias previstas no Estatuto, así como aquelas outras sobre as que existen acordos parlamentarios previos, como tráfico e seguridade viaria, salvamento marítimo ou inspección de traballo.

Coas súas propostas, o Bloque defende dar un paso adiante desde o recoñecemento de Galiza como nación e propón camiñar cara un “novo status” para o País a través dunha ponencia específica do Parlamento que elabore “unha proposta política coa que facer avanzar a Galiza partindo do dereito fundamental a decidir do pobo galego”. “Neste ano a Castelao non  hai mellor homenaxe para facerlle que avanzar non recoñecemento dos dereitos nacionais de Galiza a quen tanto pelexou por eles”.