Parlamento Galego

O BNG interpela ao goberno sobre a situación laboral en Galiza e pide un cambio de rumbo para rematar coa precariedade

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado afirmou que o goberno do Partido popular consolidou a precariedade de  miles de galegos e galegas con contratos a tempo parcial, baixada de salarios e coa figura da persoa “traballadora pobre”

A deputada do BNG, Montse Prado, interpelou hoxe ao conselleiro de Industria sobre a situación laboral de precariedade, temporalidade, rotación, contratos a tempo parcial por imposición e baixada de salarios.

Para a deputada, o goberno do Partido popular, consolidou “a precariedade de miles de galegos e galegas e a figura da “persoa traballadora pobre”. Prado recalcou que en dez anos de goberno o PP reduciu a Galiza á “irrelevancia” e o goberno non está escoitando as demandas dos traballadores e traballadoras  de Isowat, Alcoa, Endesa, ou Ferroatlántica. Concretamente referiuse  aos traballadores e traballadoras da empresa Isowat que  reprochan á Xunta ter escollido a banca fronte ao persoal demostrando un “nulo respecto” polo colectivo de traballadores.

A parlamentaria responsabilizou ao goberno do PP da “grave situación laboral galega” que afecta a todos os sectores produtivos. Temos “un mercado laboral minguante”,  un alto nivel de desemprego na mocidade “inaceptable,” pero o peor dos nosos problemas é ter na Xunta un Partido popular que non recoñece esta realidade, afirmou.

A deputada reiterou que o Partido popular “vive na inacción” como demostran os datos do IGE e do INE entre os anos 2009 e 2019: No agro unha baixa  do 30% na ocupación, na industria un 10,85% e na  construción 42,30%. Ademais aumentou a contratación temporal no 104% e a ocupación das mulleres galegas son 1.800 menos.

A deputada pediu ao conselleiro de Industria que asuma a súa responsabilidade e aborde os graves problemas, entre os que destacou  a fenda salarial porque as mulleres, explicou ganan “mil euros menos” e vostedes queren destinar 200 mil euros para loitar contra a fenda salarial.

Prado denunciou as graves dificultades da mocidade á hora de iniciar un proxecto de vida pola falta de perspectivas económicas e volveu a pedir ao conselleiro de industria “baixar da torre de marfil na que está instalado” e traballar para derrogar as reformas laborais tan lesivas para todos os traballadores e traballadoras.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG