BNG insta á Xunta a actuar de oficio ante as obras realizadas sen que consten permisos na Illa da Creba, en Esteiro-Muros

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez pide ao Goberno galego que non se desentenda do que acontece na illa e denuncie ante Costas as actuacións que incumpran a lei

A portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, instou no Parlamento galego á Xunta a “actuar de oficio” diante das obras e actuacións realizadas na Illa da Creba, en Esteiro-Muros, das que se descoñece se os presuntos propietarios contan cos permisos correspondentes.

Logo da resposta a unha pregunta na comisión parlamentaria de Pesca na que a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro eludiu dar explicacións sobre esta cuestión escudándose en que competía ao Goberno central, a través de Costas, a deputada nacionalista afirmou que o Goberno galego “parece que nin tivo, nin ten interese en preocuparse moito polo que está acontecendo na Illa da Creba”, dado que a Administración galega pode actuar de oficio con comunicacións ou denuncias ante outras Administracións.

“Sexa de quen sexa a titularidade, a Xunta ten que estar preocupada e á expectativa de que todas as actuacións que se leven a cabo nesta illa cumpren con toda a normativa e toda a lexislación”, incidiu, logo de considerar que “non é lóxico nin normal” que o Executivo do PP bote balóns fóra sobre o que acontece nunha illa que está en Galiza, “máxime cando nós entendemos que a da Creba, máis outras que hai no País, teñen que ir recuperándose para uso público”.

Logo de reprochar ao PP que rexeitara a proposta nacionalista realizada neste sentido en xullo na Cámara galega para, entre outras cuestións, iniciar o procedemento de restitución da titularidade pública e elaborar un informe sobre todas as obras e actuacións realizadas na illa facendo constar se contan con todos os permisos obrigatorios, Pérez recordou que dende os anos 80 lévanse facendo na Creba innumerables actuacións, como o levantamento de valados, a instalación de fontes renovables e a construción dunha edificación, espigóns, recheos e mesmo dun peirao que, “malia a denegarse e ao pronunciamento da Xustiza en 2002, continúa en pé”.  

Nesta liña, explicou que en 1999 o Congreso aprobou unha iniciativa do BNG para que se repuxera o dominio público que fora ocupado ao seu estado natural e, posteriormente, resolveuse a denegación da solicitude dos particulares “por non existir interese público xustificábel e pola construción dunhas obras ilegais en dominio público marítimo-terrestre”, fronte ao que os particulares presentaron recurso que a Audiencia Nacional resolveu en 2002 confirmando o acto impugnado.

 

“Todo o que se foi facendo, que descoñecemos se ten os permisos correspondentes, permitiron aos presuntos propietarios converter a illa no que hoxe se anuncia como ‘A Creba, Private Island’ en distintas páxinas de internet, onde se recolle como unha ‘exclusiva vila de luxo atlántica’ destinada a usos turísticos”, reprobou a deputada nacionalista, logo de lembrar tamén que a illa foi pública ata que en 1922 se inscribiu a nome de propietarios particulares no Rexistro da Propiedade correspondente ao concello de Outes, malia que dende 1920 o Instituto Xeográfico Nacional a situaba en Muros.

A portavoz de Pesca do BNG advertiu que “a pesar de todo iso, a día de hoxe os usos públicos da illa continúan sen seren restaurados e sen que as distintas Administracións tomen como propia a súa defensa”, polo que insistiu na necesidade de iniciar o camiño da recuperación e a restauración da titularidade pública da Illa da Creba, tal e como se fixo coas de Sálvora, Vionta e Cortegada.  
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG