congreso

BNG insta a reformar a normativa de rexeneración de terreos afectados por actividades mineiras para evitar vertedeiros soterrados

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego solicitou modificar a normativa sobre xestión de residuos das industrias extractivas e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras no referente ás intervencións de restauración de espazos degradados con residuos valorizados, de modo que a súa aplicación sexa máis garantista e evite que estas operacións acaben converténdose en vertedoiros encubertos.

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha Proposición Non de Lei e varias preguntas escritas instando o Goberno español a reformar a normativa pola que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición. Concretamente, o deputado Néstor Rego solicitou nestas iniciativas parlamentarias modificar o que ten que ver sobre xestión de residuos das industrias extractivas e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras no referente ás intervencións de restauración de espazos degradados con residuos valorizados, de modo que a súa aplicación sexa máis garantista e evite que estas operacións acaben converténdose en vertedoiros encubertos.

O BNG considera que a normativa estatal actual, de forma totalmente incomprensíbel, permite que para a rexeneración de espazos degradados pola actividade mineira, sexa esta realizada no interior ou en forma de canteira ao descuberto, se recorra ao recheo dos ocos con verteduras, “é dicir, convertelas en vertedoiros soterrados igualmente perigosos desde o punto de vista da contaminación ambiental”.

Néstor Rego expuxo como exemplo a canteira de Casalonga no Concello de Teo, en cuxo expediente se presentaron dous proxectos para a súa “rexeneración”, ambos relacionados directa ou indirectamente coa xestión de residuos. Un para o tratamento de residuos de natureza orgánica e produción de biogás e compost e outro para a restauración ambiental do oco da canteira con residuos inertes de construción. “Isto deixa en evidencia as debilidades dunha normativa que na práctica é pouco garantista e permite que a súa aplicación e interpretación interesada acabe contravindo o espírito e coherencia coa que esas normas foron redactadas” sinalou.

O deputado nacionalista destacou que o exemplo da canteira de Casalonga “é paradigmático e deixa á vista os puntos débiles da normativa actual”. O BNG denuncia que a normativa ampara este tipo de prácticas escuras e pouco transparentes e Rego sinala como principais responsábeis, de que durante os últimos dez anos se crearan vertedoiros de residuos disfrazados de falsas restauracións ambientais, o Real Decreto 105/2008, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición e o Real Decreto 975/2009, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras.

Neste sentido, o BNG considera que estes Reais Decretos, normas de carácter regulamentario, débense desenvolver con máis detalle as operacións susceptíbeis de realizarse para a rexeneración de espazos mineiros e evitar que se utilicen na práctica como vertedeoiro encubertos que teñen un alto risco de contaminación dos terreos limítrofes e do nivel freático de augas. “Por tanto, o Real Decreto 105/2008, e concretamente o seu artigo 13, debe dotarse dunha redacción máis clara e garantista, que non deixe lugar á interpretación e que non permita o desenvolvemento de proxectos de “recuperación” que acaben como entulleiras” subliñou Néstor Rego que ve imprescindíbel así mesmo, reforzar os criterios de control e xestión das operacións de valorización contidas no Real Decreto 975/2009.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG