O BNG insta á CE a trasladar o caso Alvia ao Tribunal de Xustiza se o goberno español non cumpre xa o último requirimento

Ana Miranda e Néstor Rego
Ana Miranda e Néstor Rego

Ana Miranda critica que o goberno en funcións “non goberna” ao non aprobar un decreto que dea resposta ao procedemento de infracción

Néstor Rego comprométese a presionar desde o Congreso para que haxa unha investigación técnica independente

O BNG insta á CE a trasladar o caso Alvia ao Tribunal de Xustiza se o goberno español non cumpre xa o último requirimento
A portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, e o candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego, explicaron as próximas iniciativas que levará a cabo a formación nacionalista a respecto do accidente do Alvia, tanto na Eurocámara como no Parlamento español. “É moi importante que que Galiza teña voz no Congreso para loitar pola verdade e a xustiza en Angrois” subliñou Ana Miranda na súa intervención.

“Cun goberno en funcións que non goberna, o requirimento da Comisión Europea segue sen cumprirse, porque un decreto debe aprobarse en Consello de Ministros e unha lei ten que tramitarse no Parlamento”, denunciou a portavoz do BNG en Europa a respecto da apertura do procedemento de infracción iniciado pola Comisión Europea en xaneiro por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria, consecuencia da denuncia presentada polo BNG na Comisión Europea en 2017 contra o Estado, o Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE por infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria e por non facer o control de riscos que esixe a norma no caso do accidente do Alvia.

Ana Miranda explicou que neste mes de outubro a Comisión Europea enviou un novo requirimento ao goberno español para que cumpra as esixencias trasladadas no procedemento de infracción, cumprimento xa adiado previamente tras a solicitude de tres meses de prórroga que fixo o Estado español. “Para o BNG é fundamental que se cumpra a lexislación, que de cumprirse tería evitado o accidente. Non queremos que volva producirse outro accidente como o de Angrois e por iso esta semana presentamos dúas iniciativas dirixidas á Comisión Europea para que unha vez rematado o prazo leve o caso ao Tribunal de Xustiza”, subliñou.

Iniciativas en Europa

Neste sentido explicou que unha das iniciativas se refire ao acceso público aos informes que deron pé á apertura do procedemento, acceso negado pola Comisión e refrendado pola Defensora Europea do Pobo. “Non é coherente que por unha banda a Defensora do Pobo recoñeza a magnitude da traxedia e a pertinencia de que se pidan responsabilidades e, por outra, considere que nesta fase do procedemento o interese público se garante mellor se non se permite o seu acceso”, dixo ao respecto. Ademais, sinalou que a outra iniciativa fai referencia precisamente ao traslado do caso ao Tribunal de Xustiza se o Estado español non cumpre xa os requirimentos do procedemento.

“Se tiveramos representación parlamentar en Madrid seguramente habería máis presión para que o goberno aprobase o decreto necesario para cumprir co procedemento de infracción”, destacou Miranda. “No BNG esiximos que o se cumpra o procedemento de infracción. Queremos saber a verdade e que se diriman as responsabilidades políticas e técnicas do accidente, e como dixen en campaña, non pararemos até conseguilo”, engadiu.

Iniciativas no Congreso

“Quero recoñecer o imprescindible de Ana Miranda en Europa para que se coñeza a verdade e se depuren as responsabilidades, e mesmo para que no Estado español houbese unha comisión de investigación”, subliñou Néstor Rego ao inicio da súa intervención, quen tamén salientou o traballo de Rosana Pérez como deputada no Congreso.

Segundo o candidato nacionalista, “non ten sentido que a día de hoxe aínda non coñezamos o que pasou, pero si sabemos que houbo grandes responsabilidades políticas neste caso, tanto na época de José Blanco como de Ana Pastor, que agora tentan ocultar”, en referencia ás declaracións feitas recentemente por técnico segundo as que directivos de Talgo ordenaron borrar da base de datos todas as avarías detectadas no tren accidentado en Angrois. “Este borrado de datos avala a tese de que houbo un pacto entre PP e PSOE para ocultar as súas respectivas responsabilidades”, criticou.

O candidato do BNG avanzou que no Congreso “reclamaremos que se reabra a Comisión, que se escoite novamente ás vítimas e que se depuren responsabilidades”. “Queremos que haxa unha comisión técnica independente que investigue todo o que pasou”, engadiu. Ao seu xuízo é “unha vergoña” que a estas alturas o actual ministro aínda non recibise ás vítimas, “cando xa foron recibidas dúas veces pola comisaria europea de Transporte”.

“Queremos saber a verdade e que se depuren responsabilidades políticas, pero tamén que haxa seguranza no transporte, e para iso é imprescindible ter voz propia no Congreso que defenda os intereses das vítimas”, manifestou Néstor Rego.