CONGRESO

O BNG insta ao Goberno español a condenar a ocupación israelí dos territorios palestinos de Cisxordania

Palestina vencerá
Palestina vencerá

Néstor Rego denunciou no Congreso que a Ministra de Asuntos Exteriores non tivera asinado o comunicado dirixido o Alto Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores no que se solicitaba unha actuación decidida por parte da UE para evitar que se leve a cabo a anexión dos territorios palestinos por Israel.

O BNG considera que a falta de apoio por parte da Ministra pode indicar un cambio de rumbo na política exterior do Goberno ou un posíbel apoio o Plan israelí de anexión.

O BNG insta ao Goberno español a condenar a ocupación israelí dos territorios palestinos de Cisxordania

O BNG insta o Goberno español a condenar de forma pública e contundente o Plan de Anexión dos territorios palestinos ocupados en Cisxordania por parte de Israel, por supor unha violación do Dereito Internacional e dos Acordos alcanzados nos distintos procesos de paz.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, vén de denunciar no Congreso que a Ministra de Asuntos Exteriores non asinou o comunicado dirixido o Alto Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores no que se solicitaba unha actuación decidida por parte da UE no conflito palestino-israelí e evitar así que se leve a cabo a anexión dos territorios palestinos. Néstor Rego salientou que “este documento deixa claro que os intentos de anexión por parte de Israel son unha clara violación do dereito internacional”.

Foron un total de once ministros e ministras de Asuntos Exteriores de distintos países membros da Unión os que asinaron para exixir das institucións europeas unha intervención decidida para evitar a anexión de terras, ademais de solicitar unha resposta áxil e inmediata para evitar que esta se produza efectivamente. Os ministros e ministras asinantes son os de Francia, Italia, Holanda, Irlanda, Bélxica, Luxemburgo, Suecia, Dinamarca, Finlandia, Portugal e Malta. “Todos eles mostran o seu acordo en que os intentos de anexión por parte de Israel dos territorios palestinos é motivo de preocupación para os distintos Estados membros e que debe, en consecuencia, ser tamén unha das prioridades da acción exterior da Unión” explicou Néstor Rego.

O posicionamento do Goberno español foi tamén claro sobre o mantemento e o respecto polos acordos internacionais adoptados respecto ao conflito sobre os territorios ocupados palestinos, é por iso, que aos nacionalistas sorpréndelles que a Ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, non se inclúa entre as asinantes dese comunicado conxunto. O deputado do BNG destacou que “a súa falta de apoio pode levar a pensar nun cambio de rumbo na política exterior do Goberno ou incluso, que apoian o Plan israelí de anexión”.

O BNG insta ao Goberno español a condenar a ocupación israelí dos territorios palestinos de Cisxordania