parlamento galego

BNG insta ao goberno a “cumprir a lei” e substituír a Dirección da CRTVG supeditada aos intereses do PP

María Albert
María Albert
María Albert  denuncia  “represalias e represión” contra o persoal   coa  escusa dunha  suposta “reestruturación” e pide que todo isto  “pare Xa”

Sinala que  250 semanas de “venres negros” constatan “a cruzada” da dirección da CRTVG contra os traballadores e traballadoras e de utilizar  os medios públicos ao servizo do Partido popular

 

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a  deputada do BNG , María Albert reclamou o “cumprimento da Lei” e  iniciar os trámites para “substituír” á Dirección Xeral da CRTVG.

Para a nacionalista, a permanencia da actual dirección Xeral  revela “unha anomalía” consentida polo Partido popular co fin de que o   director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, “nomeado a dedo dende o ano 2009 por Núñez Feijóo” continúe a usar os medios públicos ao servizo do Partido popular na Xunta.

Na súa intervención, a nacionalista secuenciou algunhas das denuncias formuladas polos  traballadores e traballadoras que conduciron a  250 semanas de “venres negros” e unha folga o pasado luns día 6 de marzo para denunciar “ manipulación informativa, persecución e represalias ao persoal e ataques ao seus dereitos”. En opinión da deputada, o proceder da dirección da CRTVG responde a “unha cruzada” contra a pluralidade informativa e un uso partidista dos medios públicos por parte do Partido popular. Por outra parte, lembrou que o incumprimento da lei que obriga a nomear  a unha nova dirección colide co dereito á información e de servizo público  a todos os galegos e galegas que son os que verdadeiramente sufragan os medios públicos e a alta remuneración salarial de Sánchez Izquierdo.

Experto en economía que trasladan da radio ao Galicia Noticias. Un premio nacional de Xornalismo Cultural facendo informacións menores. Experta en internacional á que non deixan informar sobre Ucraína. “No aniversario do inicio da guerra estaba facendo unha peza sobre “A Arribada”. “Síntome humillada;” Estes dixo, son algúns dos moitos casos que puidemos escoitar nas voces dos traballadores e traballadoras, son declaracións do persoal da CRTVG e sobre todo do “clima asfixiante”  na tele e na radio galegas.

O persoal  non lle ten medo ao Partido popular e seguirá mobilizado contra os seus abusos

O pasado luns, 6 de marzo, lembrou a nacionalista, os traballadores e traballadoras iniciaron unha folga que será a primeira doutras mobilizacións ao que sumou  “250 semanas de venres negros”. Neste sentido, afirmou que o “abuso laboral, a manipulación informativa e a apropiación dos medios públicos  do Partido popular, ten que parar XA”.

O persoal reclama que cesen os abusos na CRTVG, nesa CRTVG que  nos deixou Feijóo e que Rueda sigue mantendo pero que  desta volta, destacou Albert,   “nin vostedes nin o seu sistema de intereses  foron quen de calar o clamor  da dignidade  do persoal da CRTVG”.

“Vostedes non entenderon nada. As traballadoras e traballadores dos nosos medios públicos non lles teñen medo e denuncian publicamente os seus casos, os seus métodos, as súas formas de matóns de instituto”. Teñen unha  sentenza condenatoria no Tribunal Supremo, (até alí nos fixeron gastar recursos públicos a todas e todas  galegas) por atentar contra os dereitos fundamentais dun traballador  por participar nas mobilizacións dos Venres Negros e  agora, o director de RRHH bota do seu despacho á representación sindical, retiran dos taboleiros da Radio Galega a información sobre os abusos e ameazan ao persoal para que non faga folga mediante “presións”. Esta é a maneira de actuar do Partido popular pero repítolles,  os traballadores e traballadoras “non lles teñen medo”.

Asuman dunha vez que este non é o camiño e cumpran a lei. “Cumpran cos dereitos do persoal da CRTVG e cumpran coa súa responsabilidade ante todas as galegas e galegos”.

O PP volve a negar a realidade da CRTVG

Tras a intervención do vicepresidente 2ª, Diego Calvo que negou as acusacións da deputada nacionalista, Albert replicou que as sentenzas xudiciais constatan os continuos abusos da dirección aos traballadores e traballadores como recentemente a referida á vulneración dos dereitos dun traballador por participar nos “venres negros”.

A deputada reiterou que o persoal “non lle ten medo ao PP” e continuarán coas mobilizacións par recuperar “a dignidade” e denunciar os seus casos. A dirección Xeral da CRTVG agora non permite que se reúna a asemblea dos traballadores dentro das instalacións de San Marcos. Con este proceder, dixo María Albert,  tentan tapar a súa manipulación pero xa non poden e mesmo hai persoas dentro das súas propias filas que piden que pare este despropósito. Asuman que este non é o camiño e cumpran a lei e os dereitos laborais  na Radio e televisión de Galiza. “Non afundan os nosos medios públicos nin os repreguen aos seus intereses partidistas”, porque é a democracia o que está en xogo, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG