O BNG insiste na inclusión da frota cefalopodeira no Protocolo de pesca con Mauritania

Ana Miranda no Parlamento europeo

Ana Miranda presentou unha iniciativa política no Parlamento Europeo para que a Comisión inclúa a frota cefalopodeira galega nas negociacións do Protocolo de pesca entre a Unión Europea e Mauritania. A inclusión da frota galega neste protocolo permitiríalle traballar de novo á frota galega en augas do país africano.

Ana Miranda defende as reivindicacións da frota galega en Mauritania.

Na súa iniciativa, Miranda lembra que en setembro de 2013, a UE e Mauritania acordaron que, dada a falta de datos científicos fiables, ía adoptarse o modelo proposto polo Instituto Español de Oceanografía para preparar unha campaña científica nas augas mauritanas que axudara a determinar o estado dos recursos de cefalópodos. Na resposta dada en abril de 2014 a unha iniciativa previa do BNG, a comisión mantivo este compromiso máis non se fixo efectivo, polo que a representante nacionalista esíxelle á comisión que realice a campaña científica.

O BNG, a través da súa voceira, lembra que a día de hoxe non se fixo ningún avance e a frota cefalopodeira segue excluída de Mauritania, mentres hai abundacia de cefalópodos que outras frotas están a pescar esquilmando o banco, sen ningún control científico. "A frota galega estaba avalada por datos científicos positivos sobre os cefalópodos, que non foron tidos en conta por interese político, para favorecer a outras frotas e excluír á nosa", afirmou Ana Miranda.

A frota cefalopodeira de Galiza foi excluída o ano pasado das negociación do Protocolo de Pesca UE-Mauritania, nunha inxusta decisión que provocou un grave impacto no sector, co desguace de varios barcos, perda de emprego nas tripulacións e un forte impacto socioeconómico na comarca do Morrazo. O BNG denunciou no Parlamento Europeo repetidamente esta situación, levou ao sector a participar na Comisión de Pesca da Eurocámara e denunciou publicamente, a través da sua eurodeputada a interpretación política interesada que se estaba a facer sobre o estado dos recursos pesqueiros, mentres Mauritania, co consentimento europeo, permitía entrar a frotas estranxeiras non comunitarias nas súas augas sen ningún tipo de control científico dos recursos cefalopodeiros.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG