O BNG inicia o curso político con iniciativas para superar o actual marco estatutario

Ana Pontón
Ana Pontón

Proporá constituír  unha ponencia no Parlamento galego para acadar un novo modelo de país superando o actual marco creado polo Estatuto e a Constitución

O BNG inicia o curso político con iniciativas para superar o actual marco estatutario

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anuncia que a prioridade política do BNG  para o novo curso poítico pasa por acadar  un novo marco estatutario con instrumentos que permitan mellorar a vida da cidadanía galega e a súa capacidade de decisión, “un novo modelo de país” fronte “á precariedade,  centralismo, roubo de dereitos e corrupción representados polo actual réxime do Estado español”.

Neste sentido, avanzou que nos primeiros días  de setembro  o BNG rexistrará como primeira iniciativa   propoñer   ao resto das forzas políticas do Parlamento galego crear unha ponencia  para superar “o actual marco creado polo Estatuto e a Constitución” co fin de  dotármonos  de poder real e que  Galiza sexa recoñecida como nación.

Queremos un debate parlamentario pero tamén  social sobre a superación do actual status de Galiza para acadar   maior poder político e  enfrontarnos a aqueles retos que temos como sociedade, explicou. Dende o BNG, temos claro que estamos “ante un fin de ciclo” e que precisamos abrir un novo “horizonte como país” e a mellor saída e poder decidirmos sobre sectores claves como: “contar con instrumentos para intervir na economía, ter unha fiscalidade xusta, defender os dereitos que nos están roubando, blindar os nosos servizos públicos e normalizar a nosa lingua e cultura”.

Por outra parte, a nacionalista, trala primeira xuntanza da Executiva nacional reiterou que para Galiza “este debate é clave fronte á dependencia e centralismo do Estado español”. Un modelo de Estado que se nutre dos recursos e impostos  galegos que nos impide desenvolver todo o noso potencial. “Hai 3.500 M€ que pagamos e que non reverten  na nosa sanidade, educación e servizos públicos”, apostilou.

 Asemade, Pontón tamén se referiu aos últimos datos do mercado laboral dos que dixo, o Partido popular segue co mantra da recuperación económica cando en realidade en Galiza a precariedade laboral representa un “grave problema” e cada día “61 persoas teñen que facer a maleta e emigrar”.

Outra das prioridades políticas do BNG no novo curso será “facer fronte á ofensiva do PP no roubo de dereitos” e nesa liña, asegurou, seguiremos traballando para defender o dereito a “un traballo digno, á educación e á sanidade”.

Pontón cualificou de “decepciónante” a posición de Feijóo cara un novo modelo  de financiamento coa defensa dun comité de expertos que mesmo queren convencernos de que podemos quedar peor e que non debe ser cuestionado o modelo centralista. O BNG non acepta este modelo e seguirá defendendo o concerto económico para Galiza polo que proporá diversas iniciativas cara o debate de financiamento co fin de que Galiza non saía novamente prexudicada.