O BNG impulsará iniciativas no Parlamento contra a crise climática

Pontevedra
Pontevedra

Ana Pontón anuncia unha batería de propostas e  apoio á xornada mundial do 27 de setembro para evitar a “catástrofe” do quecemento climático

Afirma que a Xunta aplica políticas que “fabrican cambio climático”

O BNG impulsará iniciativas no Parlamento contra a crise climática

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou que o BNG “impulsará iniciativas no Parlamento galego contra a crise climática” entre as que destacou “unha lei galega con obxectivos e orzamentos para paliar o deterioro do medio ambiente.”

Nun acto celebrado na Illa das Esculturas de Pontevedra ao que asistiron, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, rexedoras e rexedores doutros concellos acompañados polos grupos municipais, [email protected] da Deputación de Pontevedra e o parlamentario, Luís Bará, a portavoz nacionalista anunciou  unha “ofensiva política para poñer a Galiza na vangarda da loita contra a emerxencia climática” .

Entre as propostas figura o apoio á mobilización mundial vindeiro día  27 de setembro, convocada para reclamar que se tomen medidas  e evitar unha catástrofe ambiental. Ademais, en Galiza, o BNG quere desenvolver  “unha Lei galega contra a crise climática, que permita orientar e establecer obxectivos concretos, poñer en marcha unha nova estratexia que cambie de raíz as políticas en relación coa ordenación do territorio, a protección da paisaxe e dos ecosistemas,  mobilidade,  xestión dos residuos,  enerxía,  minaría,  xestión da auga, e en xeral, impedir todas aquelas  políticas económicas que fomentan a depredación dos recursos, a despoboación e o empobrecemento”.

A portavoz do BNG tamén reclamou crear  un Comité de crise   para  analizar, e impulsar medidas reais porque,  explicou ,“xa non é tempo de palabras, son precisos feitos ante a emerxencia climática”. Todos os informes confirman as alarmas ante unha situación crítica e vemos como sistematicamente os acordos internacionais non se cumpren e mesmo grandes potencias como EE.UU van na dirección contraria para resolver a crise climática.

Estamos aínda a tempo para facer unha transición enerxética baseada en enerxías renovables e outras medidas que conduzan á defensa do medio ambiente. Sobre este extremo destacou que os goberno municipais gobernados polo BNG son “un exemplo de política medioambientais diferentes”.

A defensa do Medio ambiente, da terra, das rías está “no ADN do BNG”, afirmou e as institucións teñen que ser conscientes da necesidade de poñer en marcha unha nova estratexia para cambiar as políticas, comezando polas da Xunta que non son sustentábeis.

A XUNTA APLICA UNHA POLÍTICA QUE “FABRICA CAMBIO CLIMÁTICO”

A portavoz do BNG criticou as políticas medioambientais da Xunta á que acusou de “fabricar cambio climático” tapando a realidade con “propostas cosméticas” como a estratexia de economía circular. Sobre esta cuestión, lembrou que o propio concello de Pontevedra tivo que lembrarlle á Xunta de Galiza que os obxectivos marcados na estratexia da económica circular para o ano 2030 xa se cumpre no concello de Pontevedra.

LORES DESTACA  AS MEDIDAS INICIADAS EN PONTEVEDRA

Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores manifestou que para o concello é unha prioridade coidar o medio ambiente e puxo como exemplo, a recuperación do río, a eliminación do tráfico e ruídos innecesarios, a recuperación do monte a través do proxecto “Monte Vivo”, sistemas de compostaxe e reciclaxe e o coidado das redes de auga potable estendidas por todo o municipio. Recuperar os espazos públicos para a convivencia e a actividade económica, dixo, foron medidas que si hai vontade política “son posibles”.

Lores rematou a súa intervención facendo un chamamento a todas as administración e responsables políticos en Galiza para mudar as políticas cun grave impacto medioambiental.

Tras o acto de presentación das propostas para loitar contra o cambio climático, a portavoz nacional do BNG, acompañada do deputado Luís Bará realizou unha visita ao Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional onde mantiveron un encontro co Director do IGADI, Daniel González e o equipo de investigadores/as e traballadores para abordar diversos aspectos relacionados coa actividade do centro sobre o desenvolvemento de proxectos que contribúen a un maior coñecemento e sensibilización social sobre as relacións internacionais.