Galegas 2024

BNG impulsará as comunidades enerxéticas para abaratar a factura da luz de familias e empresas usando enerxía limpa de quilómetro cero

Tameiga, Mos
Tameiga, Mos
O candidato Luís Bará defende unha tarifa eléctrica galega e unha empresa pública de enerxía “fronte ao modelo do PP ao servizo dos grandes grupos económicos que espolian os recursos do noso país”

Reuniuse con representantes das comunidades locais de enerxías renovables de Buchabade (Ponte Caldelas), Tameiga (Mos), Liñares (As Neves) e Moaña Solar

O BNG impulsará as comunidades enerxéticas para abaratar a factura da luz de familias e empresas usando enerxía limpa de quilómetro cero. Así o manifestou hoxe o cabeza de cartel do Bloque na provincia para as eleccións do vindeiro 18F nunha reunión con representantes das comunidades enerxéticas de Buchabade (Ponte Caldelas), Tameiga (Mos), Moaña Solar (Moaña) e Liñares (As Neves), ás que puxo como exemplo de alternativas xustas, equitativas e de menor impacto na produción de enerxía renovable.

Bará asegurou que “fronte ao modelo do oligopolio eléctrico, o modelo do Partido Popular que está ao servizo de grandes grupos económicos que espolian os recursos do noso país, o BNG dende o goberno vai impulsar o empoderamento e a toma de control cidadá da produción, do consumo e do abastecemento enerxético”.

Unha das primeiras medidas do Bloque no goberno galego, atendendo ao ámbito local, será impulsar unha alternativa enerxética de proximidade baseada no autocosumo colectivo e nas comunidades enerxéticas para que tanto empresas como familias poidan abastecerse de enerxía limpa de quilómetro cero.

Dende o ámbito normativo, comprometeu Bará, haberá medidas de apoio e asesoramento, incentivos fiscais e simplificación administrativa para primar este tipo de proxectos. “Isto permitirá abaratar a factura enerxética e ademais prestar outros servizos como a venda de excedentes, a dixitalización da rede e tamén a mobilidade eléctrica”, enumerou.

Sinalou que, en colaboración cos concellos, crearanse tamén as ‘Oficinas de transición enerxética’ para asesorar ás comunidades locais, cooperativas, pemes, asociacións e empresas en xeral no aproveitamento e desenvolvemento de proxectos de produción e abastecemento enerxético de proximidade mediante distintos tipos de tecnoloxías como a solar, fotovoltaica ou as redes de calor.

Bará recoñeceu o traballo feito por proxectos pioneiros como o de Tameiga, con 225 kw xerados en paneis para autoconsumo do centro cultural; o da cooperativa de Liñares para dar servizo inicialmente a 50 vivendas, ao centro social e o cemiterio con placas fotovoltaicas; da cooperativa de Buchabade formada por 80 persoas socias, varias pemes e as comunidades de montes e de augas, con 145 kw en dous proxectos fotovoltaicos; ou Moaña Solar, que pretende ser a primeira comunidade enerxética da comarca do Morrazo e subministrar a 180 familias, o que permitirá aforrar ata 731 toneladas de emisións de dióxido de carbono en 30 anos.

A enerxía galega, ao servizo do país

A proposta do Bloque en relación á enerxía, dixo Bará, baséase na participación pública ao servizo do país e das súas necesidades, sendo respectuosa co medio e as persoas que viven e traballan no rural, co obxectivo de promover o desenvolvemento económico e industrial creando emprego de calidade nas cadeas de valor.

O número un do agrupamento nacionalista pola provincia explicou que o BNG ten programado un conxunto de medidas estratéxicas. Sinalou como prioritario un novo Plan sectorial eólico baseado no desenvolvemento ordenado, con garantías xurídicas, con participación social e sometido a avaliación ambiental estratéxica, nun marco como o actual de invasión dos eólicos e das súas infraestruturas asociadas.

En segundo lugar apuntou que o BNG creará unha empresa pública de enerxía, produtora e comercializadora, que operará no mercado xunto a outros axentes, e que priorizará o abastecemento á propia administración, ás empresas e tamén ás familias máis vulnerables. En terceiro lugar, “impulsaremos e negociaremos co goberno central”, confirmou, a posta a disposición dunha tarifa eléctrica galega para compensar a fogares e empresas pola condición de Galiza de excedentaria na produción eléctrica e polos danos ambientais que provocan as infraestruturas enerxéticas, “de maneira que teñamos unha tarifa máis barata”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG