BNG impulsa no Parlamento un paquete de medidas para mellorar a atención sanitaria ás mulleres con endometriose

Montse Prado
Montse Prado

A Cámara aproba por unanimidade a iniciativa de Montserrat Prado que inclúe, entre outras, a creación de consultas específicas en todas as áreas sanitarias

Prado pide “escoitar ás mulleres” porque “cando din que lles doe é que lles doe” e cuestiona que “se fosen 60.000 homes os afectados, a situación sería distinta”

BNG logrou a unanimidade do Parlamento para impulsar un paquete de medidas encamiñado a mellora a atención sanitaria ás mulleres que sofren endometriose, “unha doenza que afecta a 60.000 mulleres en Galiza, das que 9.000 se atopan nos estadíos máis graves”.

Así o explicou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, na defensa desta iniciativa que inclúe a creación de consultas específicas de endometriose en todas as áreas sanitarias (neste momento só existen en Vigo, A Coruña e Ourense) e a ampliación nelas dos tempos de atención.

De igual xeito, a Cámara galega da o seu visto bo a que se deriven as endometrioses máis severas a unidades multidisciplinares alí onde non as haxa; a levar a cabo distintas campañas de formación e actualización das e dos profesionais sanitarios que están en contacto coas doentes e de divulgación da doenza; e a facilitar atención diferenciada en fertilidade ás pacientes con esta doenza, o que supón no inmediato a activación das consultas e tratamentos de reprodución, coa dotación de máis recursos, “xa que o tempo corre en contra das mulleres que están nesas eternas listaxes de agarda”.

Por último, o acordo acadado polo BNG inclúe tamén, por unha banda, activar a actividade sanitaria tanto en Atención Primaria, como en consultas e cirurxías hospitalarias, para garantir a atención necesaria para as mulleres que padecen endometriose; e, por outra, instar á Xunta a que demande do Goberno estatal a inclusión dos tratamentos para esta doenza entre os financiados pola Seguridade Social.

A portavoz nacionalista de Sanidade emprazou ao Goberno do PP a facer efectivo o acordo, logo de reprocharlle que unha iniciativa de 2015 para impulsar medidas nesta mesma dirección, e aprobada igualmente polo Parlamento galego, tivese “avances mínimos” logo de seis anos. “Non só non se teñen efectivizado as medidas aprobadas, senón que no actual contexto de pandemia están a sufrir a paralización de consultas, de seguimento das súas doenzas crónicas e o adiamento das consultas e tratamentos de reprodución”, afeou.

Prado trasladou así as demandas das mulleres con endometriose -recollidas pola plataforma querENDO da que salientou o seu importante labor- e advertiu que “non é admisible” o tempo medio de diagnóstico, que situou arredor dos 8 anos, “o que supón un avance da doenza, que nese tempo podería estar controlada e mesmo freada con diagnósticos precoces”.

Neste sentido, considerou preciso “rematar co infradiagnóstico ás mulleres” e defendeu o investimento en investigación ante unha doenza “da que nin sequera se sabe a súa orixe”, nin conta con medicación específica. “Estou convencida que na vez de ser 60.000 mulleres as afectadas fosen 60.000 homes a situación sería distinta”, afirmou, para a continuación recalcar que o sistema sanitario non pode permitir, en pleno século XXI, que “as mulleres pasen por este calvario” e se lles responda que “a dor de regra é algo normal”, cando é ao contrario: “estamos no século XXI, non no século XVIII, se a regra doe é porque hai un problema”. “Hai que escoitar ás mulleres que se din que lles doe é que lles doe”, recalcou.

A iniciativa do BNG tamén inclúe a creación dunha unidade multidisciplinar de referencia en Galiza (aproveitando a experiencia de oito anos de consultas específicas no Complexo Hospitalario Álvaro Cunqueiro de Vigo); a realización das actuacións precisas para que a doazón de óvulos sexa xestionado polo ADOS, ao igual que os demais órganos e tecidos; e a edición dunha guía de atención a mulleres con endometriose, mentres non se realice a aplicación da do Estado), mais o veto do PP a estas medidas impediron a súa aprobación no conxunto da iniciativa.

Así aconteceu tamén coa proposta de instar á Xunta a demandar do Executivo español a convocatoria dun Consello Interterritorial para abordar a endometriose e as especifidades galegas, medida que foi rexeitada por PP e PSOE.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG