Para o BNG é prioritario reforzar a sanidade pública, a desescalada galega pacta e acordo de reconstrución

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón pide a Feixóo que “faga os deberes” para garantir un des-confinamento seguro tomando como referencia as comarcas e distinguindo entre rural e urbano

Acusa ao xefe do Executivo de fuxir do Parlamento mentres leva 21 roldas de prensa na TVG e pide que compareza semanalmente: “Non se pode gobernar desde unha pantalla de televisión”

Para o BNG é prioritario reforzar a sanidade pública, a desescalada galega pacta e acordo de reconstrución

O BNG formulou, tras a reunión da Executiva nacional, tres prioridades en relación á crise do coronavirus no momento actual da pandemia: des-confinamento adaptado á realidade de Galiza e pactado no Parlamento, reforzar o sistema público de saúde, -en particular a atención primaria-, e un acordo de país para a reconstrución económica e social. A portavoz nacional, Ana Pontón, explicou en rolda de prensa os detalles desta tripla proposta.

No relativo ao des-confinamento, o Bloque aposta pola “precaución” para que a desescalada sexa segura “e evitar dar pasos atrás botando por terra o conseguido con tanto esforzo”. Sen opoñerse a que existan criterios xerais pactados, o Bloque recalca que as decisións das medidas a tomar para ir recuperando a normalidade “deben tomarse no ámbito galego porque hai un maior coñecemento das nosa propia realidade”.

Neste sentido, a nacionalista reprocha a Feixóo “que se esconda tras o mando único” en lugar de liderar como presidente da Xunta a toma de decisións para un des-confinamento que, en todo caso, ten que acordar coas forzas políticas e axentes sociais. O BNG apunta algún criterio, como que a escala de referencia “debe ser comarcal e distinguir a realidade rural da urbana”. En todo caso, o prioritario é que sexa seguro e para iso urxe que as máscaras sexan de uso obrigatorio e distribuídas de xeito gratuíto, así como a realización de test masivos e a dotación de persoal necesario para facer un seguimento do virus entre a poboación.

“Pode Feixóo garantir que vai haber máscaras, test e persoas para facer o rastrexo de casos que se detecten? Ter os deberes feitos desde Galiza é clave para facer un des-confinamento seguro”, alegou Pontón.

Para apuntalar o sistema público de saúde, o BNG pon sobre a mesa medidas concretas, empezando por un plan de reforzo da atención primaria de 200 M€, por ser esta a máis prexudicada pola década de recortes do PP. Igualmente, garantir test e material de protección para o persoal sanitario e recuperar as xerencias de atención primaria con capacidade operativa e orzamento propio. “Unha das ensinanzas que nos deixa este virus é que precisamos un sistema sanitario público robusto para enfrontar esta pandemia e as que poidan vir no futuro, por iso é prioritario reverter os recortes e privatizacións e nesa liña hai que traballar”, argumentou a portavoz nacional.

No ámbito económico e social os efectos están a ser tan devastadores que o Bloque propón un acordo de País para a reconstrución económica e social. “Unha actuación política solvente debe anticiparse e definir os piares dun novo modelo para a Galiza post-COVID19 porque os efectos desta pandemia non poden abordarse desde a rutina senón con políticas excepcionais acordes co desafío”, indicou Pontón.

Reforza capacidade de decidir

“O neoliberalismo e os seus dogmas fracasaron, e desta crise non se vai saír nin con recortes nos salarios da clase traballadora, nin con recortes na capacidade do sector público senón apostando por un novo paradigma que pasa por reforzar as políticas públicas e por reforzar a capacidade de decidir desde Galiza sobre aqueles asuntos que claves para o nosa economía, pasan por apostar por un novo modelo produtivo”, explicou a líder do Bloque.

Ese acordo de País, con todas as forzas políticas e cos axentes económicos e sociais, debe estar inspirado por cinco principios: defensa do sector público como motor de desenvolvemento económico e garante da xustiza social; impulsar o tecido produtivo; aposta estratéxica pola ciencia e o coñecemento; fortalecer os servizos públicos e solucións ao cambio climático.

“Con estes principios, Galiza ten futuro”, recalcou. E nesa reformulación de paradigma, o Bloque non descarta a intervención de sectores estratéxicos, como por exemplo o enerxético, “desde logo o que non podemos e facer unha intervención pública para nacionalizar as perdas como a que supuxo o rescate bancario, senón para preservar emprego digno”, explicou.

Contra o confinamento democrático

Pontón aproveitou a comparecencia para volver denunciar o “confinamento democrático” imposto por un presidente da Xunta fuxido do control parlamentario mentres se prodiga na televisión pública.

“O BNG considera que no medio dunha pandemia o Parlamento ten que estar traballando a pleno rendemento para axudar a saír da crise, non pode estar a medio gas, nin pode estar atado polo PP. Desde que se declarou o Estado de alarma, Feixóo compareceu unha vez no Parlamento e 21 veces na TVG, 21 a 1”, recalcou a líder nacionalista.

“Non podemos ter un telepresidente, non se pode gobernar Galiza desde unha pantalla de televisión, Feixóo ten que vir ao Parlamento para dar explicacións, para escoitar as propostas e as medidas que propoñemos as forzas políticas. E debe comparecer non de xeito puntual senón unha vez a semana mentres dure o estado de alarma e o estado de emerxencia sanitaria. Nesta crise, o PP ten que deixar o oportunismo e o cinismo político que lle leva a Feixóo a facer en Galiza xusto o contrario do que o seu xefe filas, Pablo Casado, reclama en Madrid.

Por iso os grupos parlamentarias, explicou, fixeron unha proposta conxunta de funcionamento da Deputación Permanente, -remitida ao grupo parlamentario popular e rexistrada na Cámara-, para que o Parlamento se poña a traballar ao 100% para paliar as dramáticas consecuencias do coronavirus, tanto no sanitario, como no económico e no social”, concluíu.

 

Para o BNG é prioritario reforzar a sanidade pública, a desescalada galega pacta e acordo de reconstrución