BNG felicita a Pedro Castillo pola súa vitoria nas eleccións de Perú, confirmada co 100% dos votos escrutados

Pedro Castillo e Verónika Mendoza
Pedro Castillo e Verónika Mendoza
A Executiva do Bloque subliña que se trata dun importante avance na loita popular en Latinoamérica
BNG felicita a Pedro Castillo pola súa vitoria nas eleccións de Perú, confirmada co 100% dos votos escrutados

A Executiva Nacional do BNG traslada ao candidato de Perú Libre, o profesor Pedro Castillo, os seus parabéns pola súa vitoria fronte á filla do ditador, Keiko Fujimori, nas eleccións de Perú celebradas en segunda volta o pasado 6 de xuño. “A vitoria de Castillo é un paso moi importante no avance da loita popular en Latinoamérica e exemplo de suma de forzas da esquerda como o acordo post electoral antes da segunda volta asinado con Verónika Mendoza, en representación de Juntos por el Perú, no que se definiron liñas estratéxicas pola igualdade e a transformacións social”, subliñan.

Para o Bloque, a confirmación da vitoria do candidato de Perú Libre, tras o escrutinio do 100% dos votos, supón asemade “a vitoria do Pobo fronte á corrupción”, xa que non se pode esquecer que a Fiscalía pide para Fujimori 30 anos de prisión por lavado de activos e organización criminal, ademais dos seus intentos de anular votacións de poboacións enteiras contrarias ao seu partido.

O BNG quere expresar, asemade, o seus parabéns ao Pobo peruano por exercer o seu dereito democrático de escoller ao seus gobernantes con valentía e por riba das presións exercidas pola elite económica limeña en favor de Keiko Fujimori. “Estamos diante dun exemplo claro de que só o pobo salva ao pobo”, manifesta a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque Ana Miranda.

Por outro lado, a Executiva Nacional do BNG alerta das tentativas de desestabilización nas rúas e nas diversas reclamacións postelectorais por parte dos apoios de Fujimori que están fortemente contestadas polos seguidores da esquerda, nomeadamente en Lima, e chama ao recoñecemento internacional da vitoria de Castillo e ao respecto da soberanía popular do Pobo de Perú.

 

BNG felicita a Pedro Castillo pola súa vitoria nas eleccións de Perú, confirmada co 100% dos votos escrutados