parlamento europeo

O BNG expresa a solidariedade e axuda aos operarios galegos enganados por unha empresa de construción para traballar en Alemaña

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda denuncia a grave vulneración dos dereitos laborais das persoas migrantes e insta ás delegacións consulares a asumir a súa responsabilidade

A portavoz do BNG en Europa e a Asemblea do Bloque en Alemaña denuncian a situación de explotación laboral na que se atopan 14 operarios galegos contratados pola construtora Camsoar SL, -empresa fundada fai dous escasos meses en Poio-, debido ao incumprimento de todas as condicións prometidas inicialmente para trasladar aos traballadores ao sur de Alemaña para acometer a instalación da fibra óptica. “Temos que denunciar desde todas as instancias a grave vulneración dos dereitos laborais das persoas migrantes, que ten que desprazarse para buscar un futuro mellor nesta situación de grave crise que vivimos”, subliña Ana Miranda.

Tal e como explica nas súas redes sociais a federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG, "nada máis comezar a viaxe os traballadores déronse conta de que algo ía mal, pois nin sequera lles chegaron a asinar o contrato, nin lles abonaron o anticipo prometido de 400 euros do salario por persoa para faceren fronte ao custo do desprazamento. Tras dous días de espera, finalmente iniciaron a viaxe o mércores 25 de novembro ás dúas e media da mañá, con só 350 euros para afrontar os gastos do desprazamento dos operarios nunha furgoneta e nun turismo particular dun dos traballadores."

Pero non poder afrontar os gastos da viaxe non foi o único problema: a vivenda que se lles ofreceu nun primeiro momento non cumpría coas condicións mínimas de habitabilidade; as condicións de traballo non foron as prometidas, con falta de formación, de ferramentas, falta de formación e ter que realizar traballo por encomenda, cun mínimo de 100 metros diarios cavando nunha faixa; encargo de tarefas para as que estaban sobrecualificados e sen contrato.

Amezas e mentiras

“Ningunha destas características se corresponden en ningún caso coas condicións ofertadas por empresas alemás do sector da construción, como puideron comprobar in situ os operarios galegos desprazados”, sinala Tomé Laxe, coordinador da Asemblea do BNG Alemaña, quen salienta que desde un primeiro momento “manifestamos a nosa solidariedade cos compañeiros afectados e ofrecimos toda a axuda posíbel para sacalos dunha situación à que, por desgraza, se vén arrastradas tantas emigrantes, debido a grave crise económica que vivimos”.

“De inmediato, ofrecimos a nosa loxística para aqueles operarios que manifestaron querer marchar de Alemaña, dado que a empresa, entre ameazas de diversa índole e mentiras aos traballadores, unicamente ofrecía o pagamento do 30% do billete de avión de volta a Galiza”, explica Laxe. “Queremos ser un altofalante contra esta grave lesión dos dereitos laborais destas persoas que viaxaban na procura dun futuro mellor nestes tempos difíciles”, engade.

Segundo apunta Laxe, esta non é un caso illado nin no sector da construción nin noutros sectores que empregan man de obra barata. “Polo que puidemos saber, cidadáns de diversos países empobrecidos da UE, vense na tesitura de traballar por debaixo do salario mínimo alemán (9,35€ a hora), xornadas esgotadoras de 7 da mañá a 22 da noite”, detalla, con horas extras non remuneradas, contratos con cláusulas ilegais, protección contra riscos nula, obxectivos imposíbeis de cumprir, malos tratos por parte das subcontratas e "pisos-patera" para malvivir en condicións sanitarias pésimas.

“Desde o BNG esiximos ás autoridades competentes, en especial as delegacións consulares do Estado Español que asuman a súa responsabilidade coa cidadanía arrastrada á emigración en condicións de penuria económica por falsas promesas e mentiras de empresarios sen escrúpulos que incumpren os convenios laborais”, afirman Miranda e Laxe, ao tempo que critican ao goberno estatal porque ao seu xuízo os ministerios competentes non están a súa responsabilidade co pobo galego, ao negar os investimentos necesarios que permitan crear novos postos de traballo na Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG