BNG exíxelle ao Goberno do PP un plan estratéxico para a recuperación do marisqueo nas rías galegas

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez critica a “falta de estratexia” pese as fortes caídas na produción, que deixan a Galiza por detrás de Italia e Portugal

A portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, denunciou na Cámara a “perda alarmante” da produtividade das rías galegas e demandoulle á Consellería do Mar “un verdadeiro plan estratéxico, con medios, orzamento e recursos”.

Pérez denunciou que as rías galegas teñen un ecosistema “descoidado” debido á desatención e á falta de propostas da Consellería do Mar. De feito, Galiza perdeu posicións no mercado internacional e tampouco lidera xa a provisión de bivalvos no mercado español, superada por Italia e Portugal. “A falta de produción de semente non chega, nin de lonxe, para atender as necesidades do sector”, explicou Pérez, de tal xeito que as confrarías galegas “compran directamente de fóra”. “Estamos ás expensas de produción de semente doutros países porque falta un centro público propio de produción”, argumentou.

Advertiu ademais que o sector galego pasou dos nove millóns de quilos de ameixas, berberechos e navallas no 2017 aos seis millóns no 2021. Unha caída da produción, denunciou, que tamén afecta ao emprego da xente do mar, cunha afiliación á Seguridade Social que descendeu nun 20% dende 2009.

Fixo referencia tamén aos casos da Ría de Arousa, con 200 embarcacións menos ca no 2019, e á Ría de Ferrol, que no 2001 recollía 342.000 quilos de ameixa babosa e no pasado 2021 extraía só 25.800. “O sector morre e a Consellería do Mar ten a competencia”, dixo citando á patroa da confraría de Ferrol. Reprochou que á Consellería do Mar que, a día de hoxe, nada se sabe dos microcriadeiros para aumentar a produción anunciados hai un ano.

O sector pesqueiro, explicou a deputada, reclama explicacións e apoio para deter este declive consentido polo Goberno do PP, “se houbese recursos enriba da mesa non teriamos chegado a este momento”, recriminou. Así, exixiu á Consellería do Mar “solucións” e “recuperar as rías” para poñer ao País no lugar que lle corresponde como potencia pesqueira e mariscadora.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG