BNG exixe á Xunta que abandone o seu negacionismo sobre o retroceso do galego e rectifique a súa política lingüística no ensino

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Manuel Lourenzo empraza á consellería a derogar o decreto da vergoña e acordar un novo marco normativo ante a evidencia da perda de galegofalantes

Un de cada catro menores de 15 anos declara non saber falar galego e máis do 50% das e dos estudantes de Secundaria declara non sentirse cómodo á hora de expresarse na nosa lingua, segundo informes da Real Academia Galega (RAG). A escola actúa como un axente desgaleguizador, segundo o secretario e coordinador do Seminario de Sociolingüística da propia RAG. Todos os estudos sociolingüísticos amosan que a proporción de alumnos e alumnas con coñecemento do galego como lingua de uso cotiá cae de xeito significativo, segundo o Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais e minoritarias. O Goberno galego está fallando de maneira persistente á hora de implementar a Carta Europea das Linguas Minoritarias, segundo o secretario xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas, Davyth Hicks.

Estes son só algúns dos datos en base aos que o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, recriminou á Xunta o seu “negacionismo” sobre o retroceso do galego para exixirlle que rectifique a súa política lingüística no ensino e desenvolva a encomenda que ten por lei de protexer e fomentar a lingua galega.

“O que lle estamos dicindo con esta iniciativa é que poñer de manifesto que a necesidade dun novo marco normativo para o galego non é algo que traia única e exclusivamente o BNG a este Parlamento, é algo que vén avalado pola RAG, as universidades públicas galegas, a Unesco, o Consello de Europa, a Rede Europea para a Igualdade das Linguas, o Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega, é dicir, toda a comunidade sociolingüística académica e educativa, propostas de base incluídas, está nun consenso lingüístico articulado sobre tres puntos fundamentais: dereitos lingüísticos para o alumnado galego, normalización do idioma e derogación do decreto da vergoña”, recalcou.

Neste sentido, apelou ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, “a sentarse a falar” cos axentes sociais en base aos criterios que está establecendo todas estas institucións, porque se en algo coinciden todas elas é en que “este decreto da vergoña debe ser derogado porque é tremendamente lesivo para o futuro da lingua galega”. “Vostede ten dúas opcións: dicir que a representatividade neste país a ten a maioría dun PP alienado e alineado coas posturas de Vox e a ultradereita, ou pensar que neste País a RAG, o Consello da Cultura Galega ou o Instituto da Lingua Galega teñen algo que dicir” no ámbito lingüístico.  

Durante a súa intervención, e entre outros datos esclarecedores, Lourenzo apelou ao mapa sociolingüístico escolar e a outros recentes estudos realizados pola RAG dos que se conclúe que, hoxe por hoxe, existe unha perda do 11,5% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo, que na Secundaria en ámbitos urbanos e periurbanos só o 11% do alumnado é galegofalante, que o 40% dos centros infantís das cidades non emprega nunca o galego e que o decreto 79/2010 implica un retroceso do idioma no ámbito educativo e tamén como posible influxo na diminución do seu uso. “Negan ou non a evidencia científica?”, reprochou.

Logo de advertir que o propio presidente da RAG asegurase que a análise da situación do idioma está baseado en datos e estudos rigorosos, avalados polas tres universidades galegas, polo Instituto da Lingua Galega e polo Consello da Cultura Galega, agás pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que manexa datos que non se sabe de onde os saca, o deputado nacionalista cuestionou con severidade ao conselleiro: “señor Rodríguez, non lles dá vergoña? Non lles dá vergoña que isto o diga a Academia?”.

Lourenzo, quen tamén lembrou que o galego é a única lingua do Estado que perde falantes, criticou ao Goberno galego que cambiara a metodoloxía empregada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para que lle “saíran as contas”, manipulando o dato de falantes habituais e evitando dicir que a xente que fala máis galego que castelán cae 5 puntos, mentres que as persoas que falan só castelán sobre un 4%, despois de recordar que para o Consello de Europa a presenza do galego é insuficiente no ensino e hai que eliminar as limitacións á docencia en galego e eliminar o decreto”.

Neste sentido, recordou as declaracións realizadas polo propio conselleiro o pasado mes de abril afirmando que o ensino está cumprindo a súa función de formación en lingua galega ou as realizadas este mesmo mes e nas que aseguraba que o problema non é a escola e que se produce na escola como se pode producir nun campamento de verán. “Xa non vou entrar na frivolidade, pero é ou non é isto negacionismo? Está vostede co futuro da lingua galega ou meteuse tamén sen decatarse na misa por Franco e por Primo de Rivera?”, cuestionou.

 

Para o portavoz nacionalista de Ensino, o que está en dúbida, en conclusión, é “se vostedes van seguir instalados no negacionismo, no autoodio e no sometemento a uns mandados de Madrid, que amosan con absoluta clarividencia que se o señor Casado ou a señora Ayuso lles mandan a vostedes saltar como masais e iso implica que se levan por diante unha lingua milenaria, non van ter o máis mínimo reparo en facelo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG