BNG exixe a paralización do macroproxecto eólico que tramita o goberno español na comarca do Deza

Néstor Rego en Lalín
Néstor Rego en Lalín

Néstor Rego defende a aplicación da Tarifa Eléctrica Galega para beneficiar “a familias e empresas galegas pois Galiza é excedentaria e exporta enerxía ao resto do Estado, na súa maioría renovábel, pero segue a pagar unha das facturas eléctricas máis altas”.

O BNG comarcal anuncia que fará alegacións ao macroproxecto que afectará aos concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces e Silleda e chama a mobilización social.

BNG exixe a paralización do macroproxecto eólico que tramita o goberno español na comarca do Deza

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acudiu a localidade pontevedresa de Lalín para reclamar a paralización dos dous proxectos eólicos que está a tramitar o goberno de PSOE e Unidas Podemos a través do Ministerio de Transición Ecolóxica, e que nestes momentos se atopa a exposición pública. Rego estivo acompañado polo voceiro municipal do BNG de Lalín, Francisco Vilariño, pola militante e veciña de Goiás, Adriana Fernández, a concelleira de Silleda, Ana Rosa Cornado Molina, e a concelleira do BNG en Vila de Cruces, Carlota Salgado.

Néstor Rego cualificou como “grande ofensiva” a tramitación dos dous proxectos eólicos tramitados polo Goberno do Estado, e denunciou o pregamento das administracións que parecen estar ao servizo das empresas. A Xunta ten a competencia nos parques de menos de 50MW e está a favorecer a súa instalación en todo o territorio sen control e o Ministerio parece querer facer o mesmo no caso dos proxectos que superan esa potencia. 

“Non podemos permitir que se siga estragando o noso medio natural, as nosas potencialidades agrogandeiras, a nosa paisaxe en favor para grandes empresas espoliadoras que levan o beneficio que obteñen fora do País, sen que repercuta nin un só euro na Galiza” comezou a intervención o deputado do BNG, Néstor Rego. Neste caso, o macroparque eólico de 112W atópase nas localidades de Lalín, Rodeiro e Dozón que, a pesar de presentarse como dous proxecto diferenciados, a formación nacionalista recriminou que se trataba do mesmo proxecto, “un único macroproxecto xa que a liña de evacuación é a mesma”. Isto obedece a un intento por flexibilizar a normativa medioambiental actual. “Trátase dun único parque. Temos que denunciar esta fraude xa que afecta a todo o territorio sensíbel, terreo agrogandeiro e mesmo a especies que se atopan en perigo de extinción, como é a tartaraña cincenta” salientou o deputado do BNG.

Segundo datos oficiais do ano pasado, Galiza exportou case un 30% da enerxía que produciu. “Hai outro dato máis relevante aínda e é que Galiza xa produce máis enerxía de fontes renovábeis da que consume: estamos falando dunha produción de 18.500 GW cando o consumo se sitúa, ao sumo, nos 17.300” apuntou o deputado nacionalista. Un excedente de máis de 1.000 GW só en enerxías renovábeis que “non repercute positivamente en beneficio do país”.

“PP e PSOE parece que están de acordo, unha vez máis, en que o destino da Galiza é servir os intereses de fora. Nós queremos servir os intereses do noso pobo, do noso país e da nosa xente e, desde logo, esta non é a vía” apuntou Rego. Lembrou que a formación nacionalista leva moito tempo defendendo unha Tarifa Eléctrica Galega para que, tanto familias como empresas galegas, se poidan “beneficiar minimamente por seren un país excedentario de enerxía eléctrica: rebaixando un 30% a factura da luz nas nosas casas e nas empresas, para facelas tamén máis competitivas”.

Por último, o deputado nacionalista avanza que presentará alegacións ao proxecto e mesmo rexistrarán iniciativas no Congreso exixindo ao Ministerio de Transición Ecolóxica que paralice este macroproxecto. “Xa non debeu nin saír a exposición pública na medida en que ten unha grandísima afectación ás zonas de produción agrícola e gandeira” concluía o deputado nacionalista mentres animaba a cidadanía a presentar alegacións ao proxecto e chamaba a mobilización social para evitar que este proxecto saia adiante.

Basta xa a este espolio organizado

Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG en Lalín recriminou que “quen promove e ampara estes proxectos semella non ser consciente da importancia económica agrogandeira do territorio escollido. Trátase dun desprezo a capacidade produtiva do rural galego e so pode cualificarse de auténtico espolio do territorio servido aos especuladores enerxéticos do vento. Valoramos como especialmente grave, que a diferencia doutros parques que por costume ocuparon superficie forestal e de mato nos altos das Serras, agora estes, denominados “Val do Folgoso” e “Monte dos Porcallos”, ocuparan na maior parte terras de uso agrícola e gandeiro para pasto vacún. Unhas 30 granxas da contorna, de vacún, porcino e avícola, case todas elas con moi poucos anos de funcionamento, quedaran baixo a influencia da construción e do ruído dos aeroxeradores, a maioría entre 200 a 400 metros de distancia.
BNG exixe a paralización do macroproxecto eólico que tramita o goberno español na comarca do Deza