parlamento galego

BNG exixe a CRTVG que cumpra o acordo unánime da Iniciativa Xabarín de incrementar a oferta audiovisual en galego para a infancia e mocidade

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas lembra que, tras 2 anos e 9 meses, o acordo parlamentario non se cumpre e reproba que a dirección do ente público “desfavoreza o avance do galego”

Acusa a Sánchez Izquierdo de non crear vínculos entre a sociedade e os medios públicos, devaluar o dereito á  información , coaccionar aos  traballadores e traballadoras, tolerar  actitudes machistas e  negar a infancia e  mocidade  “aprender a súa lingua”

A deputada do BNG, Mercedes Queixas   formulou unha pregunta parlamentaria na que denuncio o incumprimento do acordo unánime da Iniciativa Xabarín para “avanzar na oferta de contidos audiovisuais en galego desde as televisións e plantaformas dixitais”.

Este acordo, dixo foi produto da mobilización intensa a favor da lingua galega e  garantir o seu futuro.  O  12 de maio de 2021, agregou,  “abriámoslle unha porta á igualdade do galego nun espazo de uso tan atraente para as máis novas como é o audiovisual”.  A Iniciativa Lexislativa Popular era avalada por máis de 33.000 sinaturas  e comprometía á CRTVG a  aumentar a oferta en galego destinada á infancia e mocidade co reforzo das 4 canles dixitais Xabarín; instaba a Xunta a se dirixir á CRTVE a emitir os contidos con opción dobrada ao galego, nomeadamente na canle específica para infantil e xuvenil, e  tamén  acordar con outras administracións e empresas a opción de dobraxe e lexendaxe en galego nas plataformas dixitais, así como avanzar na recepción mutua TVG-RTP.

Este acordo, recalcou Queixas non se está cumprindo e  constatamos que   día a día os contidos para o  público infantil emítense  na 2ª canle, na 1ª esta  programación apenas aparece e a  programación infantil e xuvenil en galego dispoñíbel representa o 0,83% nas principais operadoras de TV.

 Por outra parte, na TVG2, de 73 horas semanais en 2017 pasaron a 20 horas en 2023, o galego só está presente no “0,28% nas plataformas estatais e o 1,1% nas internacionais. Nas plataformas públicas como RTVE Play ofrecen un catálogo xeral con só 2 títulos en galego e ningún no infantil e xuvenil e a canle infantil pública Clan TVE non dispón de contidos en galego.

Esta realidade, indicou a nacionalista produce unha grande decepción e indignación que se acrecenta ao comprobar que son  “incapaces de cumprir os acordos, proceder que  disimulan co engano permanente” porque hai menos oferta infantoxuvenil na Tdt que nunca, e resulta imposible acceder en boas condicións ás  aplicacións da TVG “porque están sen actualizar”.

Vostedes, afirmou a deputada,  xestionan un orzamento que supera os 100 millóns de euros que pagamos todos os galegos e galegas pero seguen ancorados no pasado.

A sociedade pregúntase: Por que o goberno de Rueda non cumpre o acordo unánime coa sociedade e a favor do galego e a iniciativa xabarín?

Pola súa parte, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo respondeu á nacionalista que os obxectivos do acordo “casan mal coa realidade” porque algúns non difíciles de levar adiante. Mercedes Queixas afirmou que sen  audiovisual non hai futuro para ningunha lingua nin cultura e replicou que a aseveración do responsable da CRTVG responde  “ao estilo Rueda” excluír o galego, negar o dereito a aprendelo e incumprir os acordos desta cámara coa sociedade”.

O PP continúa poñendo atrancos  para que o galego avance

A deputada preguntou  porque o PP “odia tanto o galego”  e  négalle o acceso á infancia   e a mocidade unha oferta de produtos audiovisuais. Vostede acaba de dicir que fan cousas pero o problema é “que non funcionan” e esa é a clave por máis que se empeñe en  negar a realidade.

Mercedes Queixas explicou que existen dous modelos ben diferenciados, o da sociedade que respecta a lingua galega e quere aprendela e defende o seu futuro e  o modelo do Partido popular que se empeña  en poñer todos os atrancos posibles para que o galego  non avance.

Finalmente, acusou a Sánchez Izquierdo de negar aos galegos e galegas “unha programación galega e en galego que chegue ao público infantil e socializarse no idioma propio”. Vostede, e responsable da desgalización da infancia e non contribúe a que a infancia e mocidade coñezan o galego e por iso “ignora o acordo unánime do Parlamento galego” e a reclamación de máis de 33.000 galegos e galegas. Vostede, repetiu Mercedes Queixas “pasará á historia como o máximo responsable da manipulación informativa, coacción dos traballadores e traballadoras e mesmo a tolerancia de actitudes machistas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG