congreso

BNG exixe ao MAPA defender o sector pesqueiro galego após o informe do CIEM

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama a Planas manter unha posición firme na defensa dos dereitos da frota pesqueira galega en Europa tras o novo informe do Consello Internacional para a Exploración do Mar que recomenda o fechamento de novas áreas de pesca

A frente nacionalista defende a necesidade de levar a cabo un informe científico-técnico, que conte con datos científicos completos e actualizados, así como tamén outro que avalíe o impacto socioeconómico que tería o fechamento

O BNG vén de rexistrar iniciativas no Congreso para reclamar ao Ministro de Pesca do Goberno do Estado que defenda os intereses da frota pesqueira galega, após coñecer o novo informe do CIEM que recomenda o fechamento de novas áreas á pesca de zona ao norte da Península Ibérica e o Golfo de Bizkaia. Demanda a elaboración dun informe científico técnico, con datos completos e actualizados, así como o impacto socioeconómico que suporá para a Galiza unha nova restrición das áreas para a pesca de fondo. A frente nacionalista urxe manter unha posición firme en defensa dos intereses da frota pesqueira galega.

O novo informe do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) recomenda o fechamento de novas áreas á pesca no norte da Península Ibérica e o Golfo de Bizkaia. De confirmarse esta recomendación, a frota pesqueira galega de fondo, especialmente a galega, verá ameazado o seu futuro pola revisión das 87 zonas vedades, afectando tamén ao chamado Banco de Galiza, un dos caladoiros máis produtivos.

En opinión do deputado nacionalista, o Ministerio de Pesca debe manter a posición firme na defensa dos intereses a frota pesqueira galega no seo de Europa e “exixir que non se siga adiante co fechamento de nocas zonas e caladoiros de pesca ás artes de fondo”. Neste sentido, Néstor Rego quere coñecer se o MAPA realizou algunha análise do informe para saber as consecuencias que tería para a frota galega e do conxunto do Estado a implantación dos distintos escenarios que propón ou recomendo o informe do CIEM.

“Calquera dos escenarios recomendados polo informe supón aumentar a superficie vedada entre 49 e 62%. Trátase dun informe demoledor, con graves consecuencias para o sector, mais que tamén xera moitas dúbidas sobre a súa fiabilidade e rigorosidade por terse realizado a partir de datos sesgados, así como non contemplar as diversas artes encadradas na pesca de fondo” sinala o deputado do BNG.

A frente nacionalista exixe a realización dun informe científico-técnico que conte con datos completos e actualizados antes de adoptar calquera decisión por parte da Unión Europea xa que os datos contidos no informe do CIEM refírense a 2011, é dicir, non son datos recentes. “Por suposto, tampouco se fai referencia nese informe ao grave impacto socioeconómico que as medidas de fechamento terían sobre a economía galega polo que exiximos que se teña en consideración este impacto. O sector da pesca é fundamental no desenvolvemento socioeconómico da Galiza” engade Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG