BNG exixe ao Goberno de Feixóo que escoite o clamor social e impulse un novo marco regulatorio para o sector eólico

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas censura a 10ª reforma da lei eólica pola porta de atrás que da conta dun modelo irracional, desordenado e que xera inseguridade xurídica

“En menos de 24 horas, 22 localidades deste País van saír á rúa, como nestes últimos meses fixeron moitas máis, cunha mensaxe moi clara: eólica así, non”. Así comezou a súa intervención no Parlamento galego a portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, para reclamar ao Executivo de Núñez Feixóo que escoite o clamor social e impulse un novo marco regulatorio para o sector eólico.  

Nunha interpelación parlamentaria, Presas reclamou ao Goberno galego e ao partido que o sustenta que “paren de mentir e manipular” porque a mobilización social e a posición do BNG non é “unha oposición á enerxía eólica”, senón “á política enerxética do PP”, dado que “no lugar dunha oportunidade para xerar riqueza económica, avanzar na autosuficiencia enerxética e na loita contra o cambio climático, estase convertendo hoxe nun problema social, económico e ambiental de primeira orde por como están facendo vostedes as cousas”.

Neste sentido, recalcou que a contestación social non só é cada vez máis forte, senón cada vez máis transversal e extensa. “Enfadan vostedes a concellos de todas as cores, tamén do PP; a colectivos de todo tipo: asociacións veciñais, comunidades de montes, empresas do sector primario, sindicatos agrarios, asociacións ecoloxistas; enfadan vostedes mesmo á patronal”, advertiu, para reprobar a continuación que a Xunta siga enrocada en que todo o mundo está equivocado menos ela.

A deputada nacionalista criticou as modificacións na lei de acompañamento que está a tramitar o Parlamento galego, a través da que o PP “impulsa pola porta de atrás a décima modificación da lei do sector eólico, que se di pronto”. “Serán 10 reformas que acumulan 61 cambios; unha media de case seis cambios por ano. É iso seguridade xurídica? É iso planificación?”, preguntou con severidade.

Logo de cuestionar os motivos, estudos de referencia ou diálogo cos axentes implicados que puidesen xustificar estes novos cambios, Presas aludiu ao pronunciamento da patronal do sector quen asegurou que “a Xunta recorre para iso á Lei de Medidas Fiscais, imposibilita o necesario debate social, obstaculizando a transparencia e participación; é inaceptable que medidas de semellante transcendencia se adopten sen información previa aos axentes afectados”. Nesta liña, continuou confirmando a falta de diálogo coa oposición e tamén cos colectivos que están a demandar un novo modelo eólico. “Polo tanto, señor Conde -reprobou ao vicepresidente segundo, Francisco Conde-, non falan con ninguén máis que con vostedes mesmos e enfadan a todo o mundo”.

A portavoz nacionalista de Enerxía denunciou que “a presunta moratoria é irreal”, dando a falsa idea de que non se van admitir máis proxectos cando, en realidade, “hai 3 trampas”: a primeira, que as solicitudes de proxectos xeran unha especie de “dereito de pernada”, xa que cando se solicita un proxecto, non pode vir ninguén atrás a pedilo no mesmo sitio, o que supón que, visto o amplo número de solicitudes, non queda practicamente onde solicitar Mapa e o efecto é nulo; a segunda trampa, a incapacidade da propia Xunta para xestionar, tal e como di a Asociación Eólica de Galiza ao asegurar que “os prazos marcados na Lei de Reactivación, en vigor dende febreiro, son todo un fracaso”; e a terceira, poñer excepcións nos proxectos que o Consello da Xunta decida que son estratéxicos; “é dicir, as empresas que a Xunta decida a dedo poden incumprir a moratoria”, sentenciou.

De igual xeito, tamén censurou tamén os cambios respecto das distancias das casas, cuestión na que nun primeiro momento o Goberno do PP parecía recoñecer por fin a falta de adecuación das directrices do Plan sectorial eólico coa nova realidade tecnolóxica do sector, con aeroxeradores moitísimos anchos e altos, pero “vostedes dan marcha atrás e autoeméndanse para habilitar excepcións chapuceiras coas repotenciacións”. “Non sei en que gabinete encargou semellante chapuza -recriminou-, pero en todo caso isto amosa que son conscientes de que se equivocan. Falan literalmente de ‘procurar unha ordenación racional do sector’ e isto é así porque son conscientes de que o actual modelo é irracional e desordenado”.  

A deputada do BNG preguntou ao vicepresidente Conde se o Goberno galego “asume que a súa constante improvisación lexislativa no sector eólico non resolve os problemas vixentes e que é necesario impulsar un novo marco regulatorio”, para concluír a continuación que “iniciar o camiño é un clamor social e hoxe ten a oportunidade de comezalo”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG