BNG exixe ao Goberno do Estado a ruptura de “todo tipo de relacións” co Estado xenocida de Israel e a imposición de sancións

Néstor Rego

O BNG cualifica de insuficientes as medidas do Goberno e reclama a ruptura inmediata de toda relación co Estado xenocida de Israel

Néstor Rego demanda unha investigación polas actuacións policiais en Monforte e a depuración de responsabilidades ao vulnerar dereitos fundamentais como o de manifestación e expresión

O Bloque Nacionalista Galego considera que as medidas anunciadas por Pedro Sánchez en relación coa situación en Palestina e coas accións do Estado de Israel son resultado da crecente presión social, mais cualifícaas de claramente insuficientes frente ao xenocidio que o sionismo está a perpretar contra o pobo palestino. Para a organización nacionalista resulta imprescindible dar un paso decidido e coherente que poña fin a calquera tipo de complicidade coa política de agresión e exterminio levada a cabo por Israel.

“Está ben que fagan agora o que levamos dous anos reclamando, mais non basta co Real Decreto de embargo de armas. É hora de pasar das palabras aos feitos” subliña o deputado do BNG, que insta o Goberno a aprobar no vindeiro Consello de Ministros e Ministras a ruptura de todo tipo de relacións co Estado xenocida de Israel.

En relación coa declaración institucional do Presidente do Goberno, que recolle nove medidas, o BNG considera que son claramente insuficientes e non responden á gravidade da situación. O Bloque lembra, ademais, que estas medidas son froito da presión social e política que se está a expresar con forza nas rúas de todo o Estado, e que se está a facer especialmente visíbel durante a competición de “La Vuelta”, onde se puxo en evidencia o rexeitamento da cidadanía ao xenocidio que está a cometer o estado sionista de Israel sobre o pobo palestino.

“Non é abondo con prohibir o tránsito de buques e avións cargados con material bélico con destino a Israel. Resulta urxente retirar a embaixada española en Tel Aviv, impor sancións políticas, diplomáticas e económicas ao Estado de Israel e proceder á expulsión da embaixadora israelí do Estado español, como única vía para demostrar unha verdadeira aposta polo fin do xenocidio e polo respecto ao dereito internacional” defende Rego.

Así mesmo, o BNG considera imprescindíbel que o Goberno do Estado español traballe activamente e colabore con todos os mecanismos internacionais, en particular coa Corte Penal Internacional, para que os responsábeis do xenocidio contra o pobo palestino sexan xulgados como crimes de guerra e crimes de lesa humanidade, garantindo que non haxa impunidade ante tan graves vulneracións dos dereitos humanos.

Galiza con Palestina rexeita de forma masiva o xenocidio

O BNG manifesta o seu profundo rexeitamento á brutalidade policial frente ás protestas ao paso de “La Vuelta” e ao acontecido onte en Monforte, onde se produciron actuacións policiais que, segundo os testemuños recollidos e como xa denunciou a formación nacionalista, supuxeron un uso desproporcionado e desnecesario da forza contra persoas que exercían pacificamente os seus dereitos fundamentais. O Bloque Nacionalista Galego exixe a apertura dunha investigación rigorosa que permita esclarecer o sucedido e depurar as responsabilidades que correspondan, co obxectivo de garantir o pleno respecto aos dereitos de expresión e manifestación.

O BNG reitera, finalmente, o seu compromiso firme coa defensa dos Dereitos Humanos, co dereito do pobo palestino a vivir en paz e liberdade, e coa exixencia de que o Goberno do Estado estea á altura dun momento histórico que demanda “determinación, coherencia e responsabilidade internacional”.