CONGRESO

O BNG exixe que se adapte a convocatoria das bolsas do MEFP ante o novo calendario de avaliacións pola COVID-19

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego salienta que parte do estudantado se pode ver prexudicado á hora de solicitar unha beca para o vindeiro curso académico 2020-2021 como consecuencia do atraso de exames e puntuacións.
O BNG exixe que se adapte a convocatoria das bolsas do MEFP ante o novo calendario de avaliacións pola COVID-19

O BNG vén de solicitar ao Ministerio de Educación que prevexa unha adaptación na convocatoria de bolsas do próximo curso para garantir que o alumnado non se vexa prexudicado por posíbeis atrasos na cualificación de parte das materias como consecuencia das adaptacións de aulas e exames derivadas do estado de alarma pola COVID19.

Despois da suspensión das aulas presenciais no pasado 16 de marzo e tras mes e medio de aulas e traballos telemáticos, o Ministerio deu unhas recomendacións xerais, mais corresponderá á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as propias universidades acordar a forma de avaliación do alumnado. Polo que se coñece, estase a barallar utilizar os meses de xullo e setembro completos para as probas de avaliación, evitando en calquera caso a acumulación e a saturación do estudantado nun mesmo lugar.

O BNG entende que, se finalmente se opta por este calendario de avaliación por cuestións de prevención sanitaria, débese ter en conta que grande parte do alumnado, cando dea comezo o novo curso, debe solicitar unha bolsa para a continuación dos seus estudos. Un trámite que lle resultará imposíbel se ten materias aínda sen cualificar do curso anterior, o que pode acontecer se se mantiveren os criterios actuais do Ministerio de Educación para a súa concesión.

O deputado Néstor Rego insta o Ministerio de Educación a tomar as medidas oportunas para evitar discriminacións de aqueles de alumnos e alumnas que no momento da convocatoria 2020-2021 aínda non tiveren obtido unha cualificación en materias do curso anterior como resultado do atraso nos exames e puntuacións.

 

O BNG exixe que se adapte a convocatoria das bolsas do MEFP ante o novo calendario de avaliacións pola COVID-19