BNG estabelece como eixos de actuación para os vindeiros OXE as infraestruturas e políticas sociais progresistas

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego: “O BNG ten plena disposición a traballar para conseguir uns bos orzamentos para Galiza mantendo con firmeza a defensa dos intereses de todos os galegos e galegas”

Reclama rematar coa fonda crise industrial da Galiza e por fin á emigración, sobre todo xuvenil, que segue a padecer o País .

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza os eixos fundamentais para a negociacións dos vindeiros Orzamentos Xerais do Estado e parte da premisa de “falar, negociar e mesmo apoiar” as contas se son bos para o conxunto do Estado e aumenta o investimento territorial para Galiza. Rego fixa o foco da negociación na modernización e a construción de infraestruturas no País, facendo fincapé na rede ferroviaria, así como o desenvolvemento de políticas sociais progresistas co incremento das pensións mínimas ou a derrogación da reforma laboral, ademais de dar cumprimento ao resto de puntos do acordo de investidura.

O deputado nacionalista fixaba a posición do BNG para os vindeiros orzamentos após as reunións previas mantidas co Goberno do Estado. “Temos plena disposición a falar, negociar e mesmo a apoiar os OXE porque iso quererá dicir que son uns bos orzamentos para o noso País” explica Rego mentres sinala a necesidade de rematar coa discriminación que sufriu Galiza nos orzamentos de 2021 “queremos que non se repita” puntualiza o deputado. “Para iso, é preciso un incremento no investimento territorializado na Galiza, que diminuíu en 2021 un 11% a respecto dos aprobados polo PP” enfatizou o deputado do BNG.

“Temos que rematar co déficit histórico que arrastra Galiza en materia de infraestruturas e nestes Orzamentos focalizaremos as nosas demandas na modernización da rede ferroviaria” apunta Rego. Un medio de transporte moderno, sustentábel e sostíbel que, no caso da Galiza, acumula un atraso na súa actualización de case 100 anos: “o tramo entre A Coruña e Lugo leva desde 1913 sen unha reforma” exemplifica o deputado. Así mesmo, tampouco existe conexión ferroviaria entre a capital do País coa cidade de Lugo e tamén está sen completar o Eixo Atlántico, que debe incluír a conexión polo norte con Ferrol e a do sur coa fronteira portuguesa.

Neste sentido, tamén explica a inexistencia de ferrocarril de proximidade, unha rede interior que permita a conexión entre as principais cidades do País coa súa área metropolitana. “Hai que garantir o desenvolvemento das liñas de mercadorías, sobre todo no Eixo Atlántico, para garantir un maior desenvolvemento socioeconómico” reivindica Rego.

Por outra banda, o deputado nacionalista defende que os vindeiros OXE teñen que desenvolver políticas sociais progresistas “co aumento dos fondos de protección social para garantir, por exemplo, que o Estado se faga cargo de 50% da axuda á dependencia e tamén incrementar as pensións mínimas para superar a fenda territorial e a de xénero”. Neste sentido, explica que Galiza segue a ter as pensións máis baixas do Estado con Ourense á cabeza. 

“Defenderemos que se dea unha solución á dobre tributación dos emigrantes retornados, un colectivo que aglutina a máis de 200.000 persoas no caso galego. Cuestión que xa foi incluída no seu día no acordo de investidura asinado co PSOE” subliña. Así mesmo, urxe a modificación do Estatuto dos Traballadores para que as familias cun único proxenitor, pai ou nai, podan acumular os meses que corresponderían no caso dunha parella para o coidado das crianzas. Reclama ademais que o derrogue de forma inmediata da Reforma Laboral.

Seguindo con outras cuestións do ámbito laboral apuntou Rego que “Parécenos insuficiente a suba de 2% do salario aos empregados públicos porque suporá a perda de poder adquisitivo coa suba da inflación e mesmo demandamos eliminar a taxa de reposición de efectivos para que se poidan cubrir as prazas naqueles eidos que sexa necesario, a comezar pola sanidade e a Atención Primaria”.

Cumprir o acordo de investidura

Rego tamén apunta que coa sinatura do acordo de investidura, o Goberno do Estado comprometíase a desbloquear temas que levaban décadas parados na Galiza mais parece que se “resiste a aplicar o paquete de medidas en tempo e forma”. Por iso, a formación nacionalista anuncia que reclamará o cumprimento do mesmo co “aumento e ampliación do autogoberno da Galiza e cunha solución á grave crise industrial que atravesa o País coa alerta posta en Poligal, Siemens Gamesa, os estaleiros de Vulcano e Barreras, Alcoa e Alu Ibérica e mesmo o último na comarca da Mariña, Vestas”.

“En contraposición aos datos do desemprego a nivel Estado, Galiza sufriu un aumento do paro no último mes. Mesmo a pesar da crise demográfica que atravesamos nos últimos dez anos co máis de 10% da poboación nun fluxo emigratorio o Goberno do Estado segue sen actuar de maneira áxil” explica Rego. Neste sentido, reclama que o executivo estatal interveña e evite milleiros de despedimentos no sector industrial e tome as medidas necesarias para que os galegos e galegas non teñan que emigrar, a destacar a xente máis nova do País.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG