O BNG esíxelle á Xunta que “explique o que respirou” o persoal do Laboratorio de Saúde Pública

Olalla Rodil
Olalla Rodil

“O Director Xeral deu conta das intencións da Xunta mais non aportou datos concretos sobre o que pasou nin facilitou prazos para reanudar a actividade” explicou Olalla Rodil

Non se facilitaron datos sobre análises desenvolvidas polas dúas empresas externas

A parlamentaria por Lugo, Olalla Rodil, deu conta do resultado da Comisión do Parlamento na que o BNG solicitou información sobre a recente clausura do Laboratorio de Saúde Pública de Galiza situado en Lugo. “O Director Xeral deu conta das intencións da Xunta mais non aportou datos concretos sobre o que pasou nin facilitou prazos para reanudar a actividade” explicou Olalla Rodil e incidiu en que “o BNG pídelle á Xunta que informe as traballadoras e traballadores do Laboratorio de Saúde Pública de Galiza das novidades que se vaian producindo arredor das análises desenvolvidas polas dúas empresas externas no edificio así como das medidas que adopte a Consellaría de Sanidade para garantir as condicións de traballo óptimas neste espazo”.

Olalla Rodil trasladoulle ao Director Xeral de Saúde Pública a "preocupación" e "incertidume" do cadro de persoal do Laboratorio polo futuro da actividade do mesmo e lamentou que a Xunta de Galiza demorase as súas actuacións e mesmo o cesamento da actividade até decembro de 2018.  Aínda que, dende a Xunta, se asegura que “confían en reanudar a actividade do Laboratorio no edificio da Rúa Montevideo” aínda non se concretaron prazos nin explicaron en que prazo de tempo. O que si dixo é que desde a Xunta acometerán distintas obras no saneamento dos andares cero, un e dous; así como a renovación das campás extractoras e a mellora do sistema de ventilación do edificio, entre outras actuacións.

Desde o BNG agardan que se resolva canto antes o problema e que se reanude a actividade deste centro de referencia para Galiza e din que seguirán vixiantes ao decorrer dos acontecementos para que se garanta a seguridade laboral do cadro de persoal do Laboratorio mais tamén das traballadoras/es da Xunta que se atopan noutras áreas do edificio. En decembro de 2018 a Xunta de Galiza acordou suspender a actividade do Laboratorio de Saúde Pública de Galiza na cidade de Lugo. Este espazo de referencia para o conxunto do país, desde 2014, atopábase situado nun edificio na rúa Montevideo. No concreto, no terceiro andar da delegación territorial de Sanidade.

Rodil lembrou que “a finais do pasado ano fíxose público que parte do cadro de persoal do laboratorio –unhas 50 persoas-- así como traballadoras e traballadores doutras áreas situadas próximas a este, sufrían diversos síntomas que estarían relacionados co mal estado do ar nesta zona do edificio como mareos, picor nos ollos, problemas estomacais… problemas de saúde laboral que foron denunciados, ademais de á Consellaría de Sanidade, diante da Inspección de Traballo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG