BNG esixe responsabilidades á Xunta polo “escándalo” da sentenza que declara ilegais os contratos de Patrimonio a Tragsa

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas recrimina ao conselleiro de Cultura que o fallo do TSXG considera fraudulento un procedemento de contratación reiterado

BNG esixiu responsabilidades á Xunta no Parlamento galego ante o “escándalo maiúsculo” que supón a recente sentenza do Tribunal Superior de Galiza (TSXG) que declara ilegal a contratación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio á empresa Tragsatec, filial do grupo Tragsa, da elaboración de informes de impacto no patrimonio cultural, no canto de asumir esta responsabilidade a través do propio persoal profesional técnico da Administración galega, do que son funcións exclusivas.

“Quen vai asumir responsabilidades? A directora xeral ou vostede como conselleiro de Cultura?”, cuestionou a portavoz nacionalista de Cultura, Mercedes Queixas, ao titular do departamento, Román Rodríguez, logo de censurar a súa resposta á pregunta parlamentaria do BNG.

“O TSXG declara ilegal unha acción política da consellería da que vostede é o máximo responsable e estame dicindo que se atende á cidadanía infrinxindo a lei?”, reprobou ao conselleiro, para aclararlle a continuación que o fallo xudicial considera “inxustificable a última contratación á empresa pola vía de urxencia “cando levan feito nove encomendas continuadas dende o ano 2018”.

Un procedemento que, segundo advertiu, o alto tribunal galego cualifica de “fraudulento” dado que “nas listas de contratación da Xunta había máis de 130 arqueólogos e arqueólogas coas que puideron completar o servizo técnico e aínda así externalizáronno conscientemente a Tragsatec, que tivo que contratar a 16 persoas dun total de 17 para realizar estas funcións”.

A deputada nacionalista recalcou que, en base a estes datos, na sentenza conclúese que a empresa “nin tiña suficiencia técnica, nin tiña persoal para un traballo de alta cualificación, constituíndo unha infracción aos requisitos de suficiencia, eficiencia e idoneidade”.

“A carga de traballo o que xustifica é a necesidade de que vostedes actúen dotando de recursos humanos á Dirección Xeral de Patrimonio”, reprendeu, para a continuación reclamar ao Goberno do PP que cree as prazas de arqueólogos e arqueólogas que se necesitan para a RPT e que cubra dunha vez por todas “as vacantes que seguen ermas ano tras ano”. “Quen vai asumir as responsabilidades polos máis de 2,5 millóns de euros por parte da Consellería de Cultura que agora esta sentenza declara ilegais?”, concluíu Queixas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG