BNG esixe no Parlamento unha solución para que a veciñanza de San Vicente de Leira poida acceder aos servizos básicos

María Albert
María Albert
Albert recrimina ao Goberno do PP o seu desleixo para con esta parroquia do concello de Vilamartín de Valdeorras, incomunicada por mor dos traballos de explotación dunha mina de lousa que deixan ás veciñas e veciños no risco de incomunicación

O BNG esixiu no pleno do Parlamento unha solución inmediata fronte a situación de incomunicación dos e das habitantes de San Vicente de Leira, núcleo poboacional pertencente a Vilamartín de Valdeorras. Un asunto xa levado a comisión na Cámara e paralizado por mor da oposición do PP.

A deputada por Ourense, María González Albert denunciou que durante 30 anos os e as habitantes do lugar “reclamaron solucións que nunca chegaron porque Xunta e Deputación se teñen demostrado incapaces de solucionar un problema que non tiña que ter chegado até aquí” e emprazou á Xunta a actuar con carácter de urxencia para que colabore co concello de Vilamartín de Valdeorras na mellora da seguridade viaria da estrada e o arranxo da ponte sobre o regato Pereanes, garantindo así o acceso aos servizos básicos, dereito que se ve impedido polo desleixo do Goberno do PP.

As distintas propostas de proxecto, informes, comisións e anuncios para facilitar o acceso á zona, criticou a parlamentaria do Bloque, “só foron unha estratexia das administracións para alongar o proceso e lograr o obxectivo final : non ter que afrontar un problema xerado por unha empresa privada coa connivencia das administracións e ante o que a única afectada real é a veciñanza de San Vicente”.

Hoxe o único acceso para as veciñas e veciños é un pontón que atravesa o regato, difícil de circular no momento no que aumentan as precipitacións. “Quen vai garantir que chegue unha ambulancia a San Vicente se ocorre algún problema de saúde?” inquiriu Albert ao Executivo dos Populares.

A parlamentaria nacionalista trouxo a colación o desprendemento que afectou á balsa “ilegal” de residuos da canteira que rebordou e provocou danos na estrada que as veciñas e veciños empregan para desprazarse, polo que “a única alternativa que quedaba á veciñanza de San Vicente de Leira, a  pista municipal que accede á parroquia dando un importante rodeo a través do Mazo, ficaba tamén danada”. A Xunta foi a que autorizou á mencionada explotación a continuar coa súa actividade tras unha primeira suspensión cautelar por parte da Xustiza, esta empresa non tomou ningunha das medidas de prevención que se lle esixira despois do peche anterior.

“Un pobo que esmorece, 72 habitantes censados en 2021 cando no ano 2000 eran 179, mais só 10 resisten na parroquia durante todo o ano”, denunciou a deputada do Bloque, en alusión a un despoboamento que esta situación de incomunicación agrava. Situación que non aclarou a Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que decidiu desentenderse desta problemática.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG