BNG esixe ao Goberno do PP que actúe para garantir que a mocidade en piso compartido non quede fóra das axudas ao alugueiro

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Fernández critica que o actual bono de alugueiro mocidade “exclúe” da convocatoria á xente moza que comparte piso e advertiu que é preciso que a Xunta actúe con medidas propias para corrixir esta situación.

O BNG esixiu na Cámara a modificación das bases do bono alugueiro mocidade da Xunta para que as mozas e mozos que comparten vivenda baixo un mesmo contrato non quede fóra destas axudas.

A portavoz de Vivenda, Alexandra Fernández, solicitou que o límite máximo de renda por vivenda que establece nestas axudas sexa proporcional ao número de persoas residentes. Neste sentido, argumentou que a Xunta “ten marxe para a adecuación e interpretación das bases e ten todas as competencias en materia de vivenda” para poñer en marcha programas propios dende o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para a emancipación da xente moza.

Neste sentido, Fernández puxo o foco na proposta recente do BNG para establecer unha liña de axudas á mocidade que se despraza por motivos de estudos e que neste momento non dispoñen de ningún tipo de axuda para o pago á vivenda, proposta desestimada polo Goberno do PP. Denunciou tamén que o modelo de apoios á persoas mozas da Xunta se centre na adquisición de vivenda “cando a maioría delas e deles non poden endebedarse, nin ten estabilidade laboral para mercar en propiedade”, advertiu.

Esta discriminación do Goberno do PP “cara os colectivos máis precarizados”, explicou a deputada do Bloque, é a tónica xeral na súa política de vivenda. Co bono alugueiro social, por exemplo, establécese un tope máximo de renda sen ter en conta o número de persoas convivintes, unha situación “inxusta, porque non pode ter o mesmo límite unha persoa que vive soa que unha parella con dous fillos, cuxas necesidades de espazo e prezo de vivenda son moi distintas”, advertiu. Cos criterios actuais deste bono, reprobou Fernández, “moitas familias que queiran percibir a axuda acaban en pisos con insuficiente espazo e baixa calidade de vida”.

A portavoz de Vivenda, Alexandra Fernández, demandou á Xunta unha política de vivenda “máis redistributiva e sensible” cos diversos modelos de convivencia na sociedade actual e esixiu á Xunta “exercer as súas competencias” para a adecuación das bases da convocatoria “á realidade social que viven milleiros de mozos e mozas”. Propostas que se toparon coa negativa do Executivo do PP, que se limitou a responsabilizar ao Goberno Central.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG