BNG, ERC, Bildu, CUP, Juns per Catalunya, Más País e Compromís rexeitan os insultos e ameazas de JUSAPOL

Congreso
Congreso

Ante os graves feitos acontecidos no Congreso dos Deputados cos manifestantes do sindicato policial Jusapol, Esquerra Republicana, Junts per Catalunya, Euskal Herria Bildu, CUP, Bloque Nacionalista Galego, Más País e Compromís manifestamos:

O noso apoio e solidariedade cos cargos políticos e persoal técnico tras os insultos e ameazas que sufriron onte nas inmediacións do Congreso. Denunciamos o ataque contra as liberdades, así como os insultos, intimidacións e ameazas dos policías do sindicato ultra Jusapol contra as electas e electos de diferentes formacións independentistas e de esquerdas.

Consideramos moi grave que se permitira aos manifestantes ultras de Jusapol pasar o cordón policial e bloquear as entradas e saídas do Congreso dos Deputados, proferindo ameazas coas caras tapadas con pasamontañas e máscaras, con grillóns, petardos e bengalas, e vertendo ameazas explícitas como “somos la Policía y la Guarda Civil, vais a tener guerra”, xerando unha situación de auténtica tensión.

Parécenos inadmisíbel que esta actuación se puidera levar a cabo non só coa pasividade da policía encargada da seguridade do Congreso e as unidades desprazadas para a custodia da manifestación, senón coa súa conivencia. Nunca antes a ningún colectivo se lle permitiu manifestarse desta maneira, nin a pensionistas, traballadores ou taxistas, polo que consideramos que existe un claro trato de favor da policía para cos seus compañeiros.

Ademais, queremos denunciar o amparo político que os manifestantes recibiron da ultra-dereita política, quen participou e apoiado a manifestación pública e notoriamente unha vez pasado o cordón, e entre insultos e ameazas a diferentes deputadas e forzas políticas.

A lista dos ataques sufridos por parte da ultra-dereita contra electos de forzas independentistas e de esquerdas desde dentro e fóra do hemiciclo son innumerábeis e inadmisíbeis. Consideramos que chegou o momento de poñer freo a estas actitudes de acoso e ameaza constantes.

Por todo iso, as formacións que asinamos esta denuncia, elevaremos unha queixa formal conxunta á Mesa do Congreso para que explique os criterios aplicados e o trato de favor mostrado con Jusapol que non se tivo con outros colectivos. Para que aclare e exixa as correspondentes responsabilidades aos servizos do Congreso por permitir esta grave situación e pola súa negativa para facilitar que a deputada Laura Borràs puidese abandonar o Congreso con seguridade. Por último, instaremos a que a Mesa tome medidas para que os ataques continuados da ultra-dereita contra determinados electos e electas, xa sexan estes dentro ou fóra do hemiciclo, cesen de inmediato. Igualmente levaremos esta denuncia á Xunta de Portavoces do Congreso.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG