parlamento galego

O BNG empraza á Xunta a auditar o estado da rede viaria autonómica e a asumir as competencias en tráfico e seguranza viaria

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará puxo o foco nas competencias do Goberno do PP en materia viaria, “onde a rede autonómica galega non sae moi ben parada”

“A rede autonómica é o 31,2% da rede viaria total de Galiza, o 48,8% das vítimas mortais déronse en tramos desta vía dependente da Xunta”, sinalou

O BNG emprazou ao Executivo do PP a actuar fronte aos “preocupantes” datos da sinistralidade nas estradas galegas, sobre todo nas vencelladas á rede viaria autonómica, onde ocorren preto da metade dos accidentes de tráfico en Galiza.

O portavoz de Infraestruturas, Luís Bará, impeleu a observar as causas da sinistralidade, “porque, á luz dos datos, hai algo que está a fallar, con datos preocupantes. Das 89 vítimas en Galiza 42 son en Coruña, 18 e Pontevedra, 17 en Lugo e 12 en Ourense, un incremento importante respecto do 2021 e das mesmas cifras que no ano 2019”, relatou, cun índice de accidentes “que vai a peor nesta década, cunha evolución semellante no número persoas falecidas, entre 132 e e 144 ao ano”, informou.

Fronte estes datos, Bará puxo o foco nas competencias do Goberno do PP en materia viaria, onde “a rede autonómica galega non sae moi ben parada”. Esta rede, sinalou, “é o 31,2% da rede viaria total de Galiza, o 48,8% das vítimas mortais déronse en tramos desta vía dependente da Xunta, preto da metade, con anos oscilando entre o 35 e o 43%”, unha porcentaxe de sinistralidade na rede autonómica “bastante alta e que que pon de manifesto o fracaso das políticas que se levan ao cabo neste asunto”, denunciou.

O portavoz de Infraestruturas declarou que, “fronte o triunfalismo hai que practicar a prudencia e, fronte a propaganda, practicar as propostas, poñer o foco en todas as realidades”, onde pode existir “unha base importante de acordo” entre as distintas forzas políticas, polo que convidou á Xunta, na súa responsabilidade, “evitar o conformismo e a relaxación e poñer en marcha campañas de impacto”.

Nesta senda de acción, o parlamentario do Bloque enxalzou o “modelo BNG, un modelo amable e que garante a seguridade viaria” que desfruta a veciñanza de Pontevedra, “cun índice 0 de accidentes co Plan Cero Mortes, ou o caso da Deputación de Pontevedra, co Plan Ágora”, salientou.

Bará, ademais, puxo por riba da mesa unha serie de medidas sobre a rede viaria, entre as que están “a elaboración de auditorías das estradas para avalialas e corrixir as carencias e deficiencias destas, xa que acumulan un grande número de sinistros, o que nos indica que algo está a ocorrer alí”, medidas defendidas fronte un PP “que, de momento, renuncia a asumir as competencias en tráfico e seguridade viaria, o que recunca nunha ineficiencia na abordaxe directa da problemática”.

O deputado do BNG sinalou o autogoberno como unha vía favorable para o coñecemento e xestión directa de Galiza sobre as súas propias estradas; polo que, ademais, de incidir na concienciación social, é preciso “apostar por asumir a transferencia de competencias no eido da seguridade viaria”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG