BNG empraza á Consellería do Mar a compensar ao sector marisqueiro pola falta de regulación e baleirado dos encoros

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Pérez criticou que, ás fortes choivas dos últimos días, se lle teña que sumar a “incompetencia” dun Goberno do PP que aínda non regulou o desaugado nin limpeza dos encoros e que tampouco ten un réxime de sancións para as empresas cuxos vertidos penalizan ao sector marisqueiro “por enésima vez”, denunciou

O BNG demandou no Parlamento á Consellería do Mar unha avaliación das causas da baixa salinidade das augas das rías nos últimos meses e do seu impacto nos bancos marisqueiros. Ademais, denunciou a falta, amparada polo Goberno do PP, dunha regulación sobre o desaugado e limpeza do fondo dos encoros que afecten á salinidade das rías e dos bancos marisqueiros, con sancións aos responsábeis e indemnización ás persoas e entidades afectadas.

A portavoz de Pesca, Rosana Pérez, explicou que a recente mortaldade de ameixa e berberecho nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa coincidiu coa “baixa da salinidade despois do sábado 14 de xaneiro, “e co desaugado do encoro de Portodemouros, xestionado pola empresa Naturgy”, remarcou. Este encoro, detallou, non ten comportas e funciona cun sistema de desbordamento que provoca que, xunto coa auga expulsada, haxa sedimentos que rematen na ría, fonte de traballo marisqueiro, e estrague as súas condicións medioambientais. Uns danos “clamorosos” que teñen ao sector marisqueiro das rías galegas “farto de reclamar reparacións”, incidiu.

E é aquí onde entra a “incompetencia”, cualificou Pérez, dunha Consellería do Mar que a día de hoxe “repite o mesmo ata a saciedade para facernos crer que está a facer algo”, e non regulou nin o desaugue dos encoros nin redactou ningún tipo de norma sobre a limpeza do fondo de ditos encoros cuxos vertidos danan ao sector marisqueiro, o que, sumado ás recentes choivas resulta nunha “nefasta xestión” onde o PP está a priorizar os intereses das eléctricas por riba dos intereses do sector marisqueiro, denunciou. Algo que xa ocorreu “por enésima, e non só na ría de Arousa, falamos tamén da ría de Noia”, criticou. “Quen lles paga á xente do mar por estes danos? Ninguén”, recriminou.

É por isto que, fronte á perda de calidade e traballo no sector marisqueiro que se deriva desta inacción, o BNG emprazou á Consellería do Mar “a tomar medidas para un sector que xa está moi debilitado”, tomar en consideracións os danos que os desaugues dos encoros causan nas rías, e a levar ao cabo os estudos necesarios sobre a salinidade das augas das rías. “Son situacións extraordinarias que requiren compensacións extraordinarias para o sector”, emprazou a portavoz de Pesca.

Ademais, ínstase a Xunta a regular o comportamento deses mesmos encoros con sancións contempladas para aquelas persoas ou empresas que incumpran a norma e reparacións económicas para as afectadas e, polo tanto, poñer en marcha as medidas necesarias para a rexeneracións dos bancos marisqueiros. Medidas todas rexeitadas polos Populares no Parlamento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG