BNG emenda os Orzamentos do Estado para incrementar o investimento no Baixo Miño

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego urxe a implantación dos servizos de cercanías ferroviarias na área de influencia de Vigo: “a conexión polo sur con Tui e polo norte coa cidade de Pontevedra ten a suficiente masa crítica” incide

A frente nacionalista estabelece como prioritario rematar as obras duns 30km que permitiría conectar a Galiza con Portugal e demanda a posta en marcha dun medio máis eficaz e sustentábel entre A Guarda e Caminha

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou emendas aos Orzamentos do Estado para 2023 para incrementar o investimento no Baixo Miño, particularmente na implantación do servizos de cercanías ferroviarias e a mellora das comunicacións. A frente urxe o Goberno do Estado a rematar os pouco máis de 30 km de vía que permitirían conectar a Galiza con Portugal nunha liña de alta velocidade e favorecer a actividade económica da comarca do Baixo Miño a través da conexión da Guarda con Caminha.

“Non pode ser que a Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana diga que as obras para a conexión da Galiza con Portugal por liña de alta velocidade estarán rematadas, pola parte do Goberno español, en 2040” denuncia o deputado do BNG. Rego lembra que o Estado só debe completar un treito de pouco máis de 30 quilómetros, en contraposición ao Goberno portugués que prevé  a finalización das obras antes de 2030. “A conexión de alta velocidade Vigo-Porto é estratéxica para o desenvolvemento social e económico da Galiza, por iso reclamamos incorporar unha partida de, cando menos, 15 millóns de euros para dar un impulso decidido a esta obra e rematalo no vindeiro exercicio económico” demanda.

Ademais desta obra, en materia ferroviaria a frente nacionalista reclama a implantación do servizo de cercanías ferroviarias nas principais cidades e as súas áreas de influencia. Para a candidata á alcaldía do BNG no Concello de Tui, Carmen Núñez, a conexión con Vigo e Pontevedra con frecuencias adecuadas e prezos máis baixos -como corresponde aos servizos de ‘Cercanías’ de  Renfe- sería fundamental para a veciñanza de Tui . A rexión urbana de Vigo-Pontevedra ten uns 750.000 habitantes mais non conta con este tipo de servizos, mentres que outras cidades do Estado con menos de 270.000 si que gozan do tren de proximidade” denuncia o deputado nacionalista.

Ademais, a organización nacionalista rexistra unha emenda para mellorar a conexión entre A Guarda e Caminha, para facela máis eficaz e sustentábel. Para iso o deputado do BNG defenderá incorporar unha partida de cinco millóns de euros que posibilite a posta en marcha dun medio de transporte que permita salvar o Río Miño, preservando o seu alto valor ecolóxico.

“O transbordador Santa Rita de Cássia, aínda que permitiu a conexión entre as dúas localidades desde 1995, está obsoleto e precisa ser substituído. As avarías continuadas e o abandono do embarcadoiro por parte de portos da Galiza fixeron inservíbel este medio de transporte empregado tanto por vehículos como por persoas” explica o candidato á alcaldía da Guarda polo BNG, Anxo Baz. Segundo destaca o portavoz municipal, para a actividade económica da Guarda como o resto da comarca do Baixo Miño, resulta “fundamental recuperar un modo eficaz de comunicación coa localidade portuguesa”.

Alén do máis, a frente nacionalista demanda a incorporación dunha partida, xa prevista no proxecto de Orzamentos do Estado para 2011 e que non foi executada “nin nese curso económico nin en seguintes” para a biblioteca de Tomiño. A alcaldesa do Concello de Tomiño, Sandra González, cre que esa partida de medio millón para a Biblioteca é fundamental “e que, desta volva, sexa executada”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG