O BNG designa aos seus representantes nas deputacións de Ourense, A Coruña e Pontevedra

O BNG designa aos seus representantes nas deputacións de Ourense, A Coruña e Pontevedra

O BNG designou aos concelleiros e concelleiras que pasarán a formar parte das deputacións provinciais da Coruña, Ourense e Pontevedra en función das correspondentes divisións en partidos xudiciais. No caso da Deputación de Lugo a designación queda aprazada até o mes de xullo, unha vez conclúan as reclamacións presentadas por algúns concellos desta provincia en relación ao resultado electoral do 26M.

Un total de oito concelleiros e concelleiras desenvolverán tamén o papel de deputados e deputadas provinciais nas mencionadas institucións en representación do BNG, coa seguinte distribución.

Na Deputación da Coruña repite esa responsabilidade polo partido xudicial de Carballo Xosé Regueira, edil no concello da capital de Bergantiños; Xurxo Couto,  concelleiro por Arteixo, dentro do partido xudicial da Coruña; María do Carme Muíño, concelleira en San Sadurniño polo partido xudicial de Ferrol e Xosé Lois Penas, concelleiro en Brión, polo partido xudicial de Santiago.

Para a Deputación de Ourense, Bernardo Varela López, concelleiro en Allariz, e no caso da Deputación de Pontevedra repite como deputado provincial César Mosquera, concelleiro na cidade do Lérez, e asume esa responsabilidade María Ortega, concelleira en Moaña, ambos dentro do partido xudicial de Pontevedra. Tamén repite como deputado provincial polo partido xudicial de Tui Uxío Benítez, concelleiro en Tomiño.

O BNG mantén a súa posición política en relación ás deputacións provinciais, avogando pola súa desaparición por considerar que se trata de institucións que responden a unha distribución administrativa obsoleta. Neste sentido, aposta pola súa supresión e por trasladar as súas actuais competencias cara a Xunta e cara os concellos, segundo corresponda.

En todo caso, e mentres non se logra a súa eliminación, o BNG defende un funcionamento eficaz, transparente e a favor dos concellos con total independencia da cor política dos gobernos municipais, e nesa liña traballou e seguirá traballando tanto desde dentro como desde fora dos gobernos provinciais, para que sexan institucións libres de caciquismo e favoritismos e para que sexan entidades que xestionan os seus recursos en beneficio da veciñanza das vilas e cidades do país.