BNG denuncia os sistemáticos “incumprimentos” da CRTVG como servizo público

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Rodil lembra cinco anos de mobilización do persoal  contra a política dos medios públicos ao servizo do Partido popular e critica a falta de debates electorais, nas eleccións municipais e xerais 

Tras a comparecencia do Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo para presentar a memoria do servizo público da CRTVG do exercicio 2022 a deputada do BNG, Olalla Rodil afirmou que o ente  non cumpre “a  misión de servizo público” nin os  principios reitores que o crearon como: a defensa da lingua galega, o reflexo do pluralismo político, ideolóxico, cultural e social, a obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa e o desenvolvemento  do sector audiovisual”.

A nacionalista denunciou “a degradación” dos medios públicos e lembrou que sen traballadores e traballadoras estes non existen, e para mostra “cinco anos de mobilización do persoal” e cinco convocatorias de folga este ano.

A situación, dixo Rodil, “ao contrarío da que vostede presume” tradúcese en  “18 condenas xudiciais s entre maio de 2021 e xuño de 2022”, algunhas por salarios adebedados e despedimentos improcedentes pero tamén por “vulneración de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión e a liberdade sindical”.

A xuízo da nacionalista, esta situación empeorou nos últimos meses con tres xuízos nun día por cambiar traballadores de posto de traballo sen negociación nin previo aviso ao que sumou “a imputación de practicamente toda a cúpula da CRTVG, incluído vostede, por un presunto delito de acoso empresarial”. 

Rodil criticou que o  máximo responsable da CRTVG salientara a paz social e o diálogo cando “non existe “ e non falamos só, dixo a deputada, de sentencias e denuncias xudiciais, referímonos a aprobar o Estatuto profesional e crear o Consello de informativos desde hai 12 anos. “Iso tamén é a negación de dereitos laborais e  incumprimento obsceno da obriga de servizo público”. 

Rodil  tamén afirmou que outra das funcións do servizo público é  “garantir o acceso a información próxima desde criterios de obxectividade, independencia e veracidade” e dende o BNG trouxemos en bastantes ocasións a esta Comisión exemplos nos que se ve como se prega a “axenda informativa dos medios públicos galegos ao gabinete de propaganda do PP e desde a saída de Feijóo para España, por duplicado”.

Trouxemos tamén como se estaba excluíndo a información local cada vez máis da grella da televisión e da radio. Como mentiron vostedes anunciando máis información local e debates que nunca se produciron porque “o obxectivo é ir reducindo cada vez máis os espazos, a diversidade, a pluralidade e para iso teñen que ter cada vez máis control desde San Marcos e centralizar o máximo posible a xestión da información”.

Por outra parte, a CRTVG, tampouco garante os dereitos lingüísticos das galegas e galegos nin contribúe  ao proceso de normalización permitindo o acceso a información e tamén creación audiovisual  en múltiples formatos na lingua propia de Galiza,  o galego. Neste sentido engadiu que  ultimamente vemos con  preocupación como se abre a porta dos medios públicos galegos incorporando como colaboradoras a “persoas que son aberta e publicamente antigalegas, persoas contrarias aos dereitos lingüísticos do pobo galego”.

 A deputada recalcou que “ a audiencia non é sinónimo de calidade” en non todo se xustifica coa cota de pantalla.

Finalmente  criticou  a falta de impulso á  Ficción en galego, cinema e series   e  producións galegas,  a celebración de debates electorais, tanto nas eleccións municipais como nas xerais e unha  programación cultural relegada á segunda canle e practicamente sen  audiencia.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG