BNG denuncia nova agresión da UE á pesca galega

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda ao Goberno do Estado e á Xunta de Galiza “unha posición de firmeza á hora de defender os intereses da frota pesqueira galega” ante a decisión da Unión Europea de limitar a actividade pesqueira en até 30% das augas comunitarias.

“Este tipo de decisións deben de basearse en informes científicos de carácter ambiental e tamén os carácter socioeconómico” defende o deputado nacionalista.

O Bloque Nacionalista Galego anuncia o rexistro de iniciativas con carácter de urxencia ante o anuncio da Directora Xeral de Pesca da Unión Europea, Charlina Vitcheva, de que en febreiro será aprobado o plan de acción para a conservación de recursos pesqueiros e ecosistemas mariños que aumentará até 30% as áreas protexidas en que haberá limitacións á pesca.  O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta dun novo ataque á frota pesqueira galega –após do veto en 87 caladoiros- e reclama ao Goberno do Estado e á Xunta de Galiza que actúen para defender os intereses da Galiza ante unha decisión que terá un impacto socioeconómico brutal para o noso País.

A Directora Xeral da Pesca da Unión Europea, Charlina Vitcheva, confirma a ampliación das areas protexidas até chegar a 30% das augas comunitarias o que suporá novas limitacións á pesca. Mesmo Vicheva insinuou, durante a súa comparecencia, que o arrastre podería ser prohibido. Esta medida súmase ao fechamento de 87 caladoiros adoptada recentemente e que afectou principalmente a pesca con artes de fondo, que xa fora denunciada no seu momento polo BNG, ademais de exixir ao Goberno do Estado que solicitase a súa suspensión cautelar e a presentación do recurso.

“Outro elemento de preocupación é o feito de que a revisión do fechamento destas 87 zonas de pesca que, inicialmente, se ía facer de forma inmediata, a propia Directora Xeral anunciou que podería facerse até 2024” denuncia Rego.

“As declaracións da Directora Xeral de Pesca da UE parécennos moi preocupantes porque, con independencia de que o BNG estea a favor de medidas para a conservación e recuperación dos recursos marítimos e os ecosistemas mariños, cremos que este tipo de decisións deben de basearse en informes científicos de carácter ambiental e tamén de carácter socioeconómico” explica o deputado do BNG no Congreso.

Neste sentido, Rego entende que é necesario ter en conta o impacto que unha medida destas características pode ter nun sector tan importante para a economía da Galiza e do que dependen millares de postos de traballo como é o sector pesqueiro e todo o asociado a el como é, particularmente, o complexo mar-industria.

Como precedente, lembra Néstor Rego, a exclusión da pesca con artes de fondo nas 87 áreas que se iniciou en outubro do ano pasado “fíxose sen que existisen informes de carácter socioeconómico”. Ante esta situación, esperando que non aconteza o mesmo, o Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado “unha posición de firmeza á hora de defender os intereses da frota pesqueira galega” e tamén ao Goberno Galego que ten competencias na materia.

“Está en xogo o futuro da nosa frota e dunha  actividade que serve para xerar dinamismo económico en toda a costa do noso País e emprego de maneira moi importante” defende Néstor Rego. Alén do máis, o BNG comprométese a seguir traballando para evitar que se leve a cabo esta decisión que provocaría un grave prexuízo para a frota pesqueira galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG