BNG denuncia a manipulación dunha CRTVG ao servizo dos intereses do PP

Manifestación CRTVG
Manifestación CRTVG
Olalla Rodil criticou a “situación anómala e moi pouco democrática” dunha CRTVG cuxa dirección xeral “que foi posta a dedo polo PP” e defendeu a importancia de contar cuns medios públicos “que representen o pluralismo político, social e cultural” da sociedade galega

O BNG levará ao Parlamento unha nova proposición de lei para dar inicio a un proceso de escolla democrática dunha anovada dirección xeral para a CRTVG que represente o pluralismo e diversidade da sociedade galega.

“Dende o BNG levamos moitos anos esixindo acabar coa situación totalmente anómala da Dirección Xeral da CRTVG, que foi posta a dedo polo PP e que se manteña nesa situación, en contra do que di a Lei de Medios Públicos deste país dende o ano 2011”, denunciou Olalla Rodil, quen asistiu hoxe á mobilización “Por unha CRTVG ao servizo do pobo” xunto a unha destacada representación do BNG entre a que tamén se atopaba o deputado no Congreso, Néstor Rego.

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil argumentou que esta vía lexislativa “é a máis democrática para acabar con esta situación. Para nós é importante, porque é unha cuestión que está estreitamente ligada coa calidade democrática do noso País, ter uns servizos públicos ao servizo das galegas e dos galegos”.

A viceportavoz enxalzou a mobilización e protestas que levan a cabo os traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos en defensa do dereito a unha información veraz e plural xa que “é fundamental que o conxunto da sociedade galega saiamos á rúa na defensa dun dereito esencial para o conxunto deste País, que é contar cuns medios públicos ao servizo do pobo, que representen o pluralismo político, social e cultural, en definitiva, a pluralidade diversa que existe na nosa sociedade”. De feito, criticou “a situación anómala e moi pouco democrática que temos hoxe en día, que é unha CRTVG que está convertida polo PP no seu terminal de propaganda”.

Manifestación CRTVG
Manifestación CRTVG

Rodil incidiu na “necesidade” de rematar cunha situación provocada polo Goberno do PP e valorou o feito de que hoxe se mobilizaran “tantas organizacións políticas, entidades sociais, culturais, sindicais defendendo a CRTVG, o que é unha boa mostra de que hai un pobo que quere defender os seus medios públicos que cumpran co servizo para os que foron creados”. Ademais, advertiu de que a reclamación duns medios públicos galegos plurais continuará “para seguir reivindicando a necesidade dunha CRTVG ao servizo do conxunto de toda a sociedade galega e non ao interese particular do PP”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG