O BNG denuncia a inacción da Xunta ante o estado e xestión ilegal do vertedoiro de Miramontes

Vertedoiro Miramontes (Foto Plataforma)
Vertedoiro Miramontes (Foto Plataforma)

Xosé luís Rivas preguntou a Mato que vai facer a Xunta ante as múltiples irregularidades que presenta o vertedoiro

O BNG denuncia a inacción da Xunta ante o estado e xestión ilegal do vertedoiro de Miramontes

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas formulou onte, a última hora da sesión plenaria, unha pregunta ao goberno sobre a o estado e xestión “ilegal” do vertedoiro de Miramontes e as múltiples irregularidades que presenta.

No “Complexo Ambiental Miramontes“, a UTE EYREGA, constituída por tres empresas, xestiona un vertedoiro de residuos industriais “non perigosos” aproveitando o oco da canteira e por outro lado, a firma TECNOSOLOS GALAICOS S.L., encárgase  da recuperación da cuberta vexetal de todo o espazo mediante a elaboración e aplicación dos mal chamados tecnosolos, explicou o nacionalista.

Rivas cualificou   de “desafortunada” a  localización do vertedoiro nunha orografía elevada, moi próximo   a núcleos de poboación e cunha  escasa protección perimetral. Que manía temos neste país, dixo o deputado, que sempre  situamos os  vertedoiros nos altos que dominan os nacementos de ríos e regatos. Que manía con de afectar a auga , porque accedamos por onde queiramos aquilo escorre zudres coma as cortes das aldeas de antano. Só que o esterco é outra clase de esterco porque  “este non só cheira pero  mata”.

A  contaminación, consecuencia das  actividades do Complexo Ambiental débese á  inexistencia dos obrigatorios controis de garantía  dos niveis de contaminación e á “case nula vixilancia” da boa praxe das empresas que operan sobre el.

A estas alturas, recalcou Xosé Luís Rivas, (Mini), “aínda non se realizaron estudos analíticos profundos nin calicatas ao  vaso do vertedoiro”. Pero si se fixo á planta de tecnosolos.

Expertos coma Serafín González, investigador científico con máis de 35 anos de experiencia en materia de Bioquímica, Calidade e Conservación do Solo do CSIC, catalogou os dados extraídos das analíticas realizadas ao material xestionado pola planta de tecnosolos de “inadmisibles” para a protección da saúde humana e dos ecosistemas.

Das 20 mostras, 17  superaban amplamente niveis de referencia para a protección da saúde e  ecosistemas.  Superan os límites permitidos en metais pesados e hidrocarburos, polo que nas propias actas de inspección os técnicos refírense a estes como “material procedente de residuos” en vez de empregar o termo “tecnosolos”.

Nas inspeccións, os técnicos comprobaron que  os lodos do dragado da ría de Noia estaban amoreados directamente sobre o chan (xerando lixiviados para o solo e subsolo) ocupando unha superficie estimada de 2.781 m2. Ademais do amoreamento dos lodos da ría , os inspectores constaron  un amoreamento  sobre o chan de “tecnosolos” (material procedente de residuos) que ocupaba unha superficie estimada de 2.660 m2 e que estaba a xerar lixiviados ao solo e subsolo.

Por outra banda, afirmou Rivas,  seguen  entrando  gran cantidade de residuos domésticos que xerarán   gases no futuro que provocarán  problemas á  poboación próxima ao  vertedoiro. “Vivendas a menos de 400 metros  e  aldeas a menos de 1 quilómetro”.

 Finalmente, o deputado do BNG lembrou que a Plataforma de afectados polo vertedoiro defenden que  a antiga canteira de Miramontes “non é, nin pode catalogarse nunca como un solo industrial xa que, a  diferenza doutras minas de metais, foi e continúa a ser unha mina de áridos”.

O deputado volveu a preguntar que medidas  tomou ou pensa  tomar a  Xunta ante as múltiples irregularidades e ilegalidades que presenta o estado e xestión do vertedoiro.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato admitiu dúas sancións a empresa Tecnosolos  e a solicitude  dun plan para frear os malos cheiros do vertedoiro.