congreso

BNG denuncia a falta de coordinación entre administracións na vacinación dos colectivos considerados prioritarios

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego reclama a vacinación de todo o persoal considerado de alto risco e incluído xa na Estratexia para facer fronte ao contaxio da COVID19, como é o caso do persoal sanitario do ISM ou o do Servizo de Vixilancia Aduaneira. 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera intolerábel a descoordinación entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galiza, que non está a incluír no plan de vacinación ao conxunto dos colectivos declarados xa prioritarios polo Consello Interterritorial del SNS. Así, algúns colectivos, funcionarios e empregados públicos dependentes de Ministerios estatais non están sendo vacinados na Galiza, como é o caso do persoal do ISEM ou do SVA.

Na Estratexia de Vacinación fronte a COVID19 aprobada polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde contémplase como grupo prioritario o denominado Grupo 6 de colectivos en activo cunha función esencial para a sociedade e na que se integran as Forzas e Corpos de Seguridade, Emerxencias e Forzas Armadas. Inclúense, polo tanto, Garda Civil, Policía Nacional, Bombeiros, Técnicos das Forzas e Corpos de Seguridade, e todos os que grupos homólogos a estes, mais non se inclúen de forma expresa outros corpos como o Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) que deben considerarse equiparados aos anteriores ao ostentar a condición de Policía Xudicial e Fiscal. 

Ademais da súa equiparación técnica coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, debe terse en consideración que o SVA no seu traballo diario entra en contacto físico estreito, ao ter que inspeccionar espazos reducidos con persoas chegadas de todo o mundo, algunhas procedentes de territorios con escasas ou nulas medidas preventivas no que respecta ao coronavirus, polo que a súa actividade debe ser considerada de alto risco para o contaxio da COVID19.

Outro exemplo flagrante desa falta de previsión é o que está a acontecer co persoal do Instituto Social da Marina en Galiza, que mentres no resto do Estado está sendo vacinado, no territorio galego fica esquecido. “O conxunto do persoal que desenvolve tarefas de carácter sanitario quedou situado na posición 3B dentro da Estratexia de Vacinación, polo que deberá ter recibido xa a súa dose, porén, están sendo chamados os grupos 5 e 6, pero as e os membros do ISM na Galiza aínda non foron incorporados ao listado” salienta o deputado Néstor Rego. 

Correspóndelle aos Ministerios dos que dependen, ben o Ministerio de Facenda ben o Ministerio de Sanidade, dirixirse ás Comunidades Autónomas e nomeadamente á Xunta de Galiza, para asegurarse de que se incorpore ao persoal prioritario nos protocolos aínda que se encontre adscrito á Administración do Estado e non á galega.  

Para a formación nacionalista, estes son exemplos da escasa planificación do Goberno de Estado, mais tamén da falta de previsión da Xunta de Galiza, que parece non coñecer a realidade do País nin os colectivos declarados prioritarios que deben ser chamados a vacinarse. Por este motivo, o BNG exixe a rectificación e que se interprete adecuadamente o protocolo para vacinar a todos os grupos que deban ser considerados incluídos na Estratexia de vacinación aprobada, como é o caso do persoal sanitario do ISM ou do SVA.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG