BNG denuncia o “escandaloso” uso partidista dos fondos do Plan Hurbe co que a Xunta beneficia a concellos do PP

Luís Bará
Luís Bará
Bará evidencia a gravidade do reparto discriminatorio: 57 dos 58 convenios asinados nos últimos dous anos son con municipios gobernados polos populares

O portavoz nacionalista de Infraestruturas e Medio Ambiente, Luís Bará, denunciou no Parlamento o “grave e escandaloso uso partidista” que está facendo a Xunta dos fondos públicos do Plan Hurbe para beneficiar a concellos do PP, tal e como evidenciou cos datos correspondentes aos dous últimos anos, nos que 57 dos 58 convenios asinados no marco deste plan polo Goberno galego foron con concellos gobernados polos populares.

“Esta lista é a constatación evidente de que vostedes teñen un trato discriminatorio e partidista co que están beneficiando a determinados concellos e prexudicando  ás persoas que viven noutros e que deberían ter acceso e dereito tamén a estes recursos públicos”, recriminou nunha pregunta en comisión parlamentaria á directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, á que tamén reprochou que afirmase na súa resposta que a prioridade da Consellería de Medio Ambiente na xestión do plan é a colaboración con todos os concellos.

“Non; vostedes colaboran cos concellos do PP mediante a figura dos convenios”, corrixiu con severidade o deputado nacionalista, quen tamén recordou que, segundo os datos do propio Executivo, dende que en 2010 comezou o Hurbe -programa co que se financian diversos tipos de obra de mellora da calidade urbana e equipamentos públicos- tramitáronse 320 actuacións coa mobilización de 150 millóns de euros “que na súa inmensa maioría se transvasaron a concellos do PP, con datos que superan o 95% destas cantidades transvasadas a concellos gobernados polo PP”.

Nesta liña, recordou que no exercicio 2021 o Goberno galego sacou unha convocatoria pública de subvencións a concellos, pero “coa trampa” de que a partida consignada a tal fin nos orzamentos ascendía a 7,4 millóns de euros, mentres que a convocatoria pública se limitou a só 1,3 millóns, o que supuxo “que quedaran 6,1 millóns para distribuír de maneira absolutamente discrecional; e discrecional quere dicir partidista para concellos do PP”.

Bará explicou que a figura dos convenios é a utilizada precisamente para facilitar ese reparto discriminatorio e “ese trato de favor” que beneficia aos municipios gobernados polos populares que teñen acceso directo á consellería e ás ou aos seus máximos responsables, en detrimento daqueles concellos que non teñen acceso a esta “vía directa”. “Isto nin é xusto, nin é equitativo, nin é democrático”, reprobou, para incidir a continuación que dos 487 millóns de euros destinados nos orzamentos de 2022 a transferencias aos concellos, 352 millóns “van para convenios e subvencións”.

Así pois, e logo de cualificar a xestión do PP neste ámbito de actuación como “un festín partidista”, defendeu un modelo radicalmente contrario e baseado na convocatoria pública como instrumento equitativo para que todos os municipios poidan acceder en igualdade de condicións aos fondos públicos da Administración galega.

Deste xeito, avogou por eliminar o uso da figura do convenio para o reparto de recursos entre concellos, co obxectivo de “desterrar” das Administracións Públicas este tipo de prácticas que cualificou de “predemocráticas” e fixo explícito o compromiso do BNG para, cando asuma responsabilidades de goberno, promover un marco lexislativo “de obrigado cumprimento” que, “goberne quen goberne, evite estas prácticas partidistas propias dun modelo que responde a unha malversación ética ou moral dos fondos públicos”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG