PARLAMENTO EUROPEO

BNG demanda á Xunta que xustifique a captación de auga sobre o río Deza ante a posta en dúbida do proxecto por parte da Comisión Europea

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda alerta dos constantes incumprimentos da normativa comunitaria sobre protección do medio ambiente
BNG demanda á Xunta que xustifique a captación de auga sobre o río Deza ante a posta en dúbida do proxecto por parte da Comisión Europea

Ante o anuncio que vén de facer a Xunta de Galiza sobre a adxudicación da redacción do proxecto construtivo da nova captación de auga sobre o río Deza, o BNG no Parlamento Europeo e o BNG de Lalín critican que o goberno galego persistan na súa idea de executar o proxecto nesa zona de especial valor ecolóxico sen ter demostrado que é a mellor opción ambiental, tal e como apunta a Comisión Europea. “Estamos terriblemente preocupados polos constantes incumprimentos das normativa comunitarias relacionadas coa protección do medio ambiente”, subliña Ana Miranda.

En resposta a unha pregunta tramitada polo BNG a través da coalición europea na que está integrado, o Comisario de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius, indica que a captación de auga sobre o río Deza só resultaría xustificable de “demostrarse que non existe unha opción medioambiental significativamente mellor”. Sinala que a Comisión non ten coñecemento do proxecto, pero lembra que as autoridades deben garantir unha protección especial destas reservas en consonancia coa súa planificación hidrolóxica e que este proxecto tería que someterse a unha avaliación adecuada en virtude da Directiva sobre Hábitats.

Por outro lado, a Comisión explica que de provocar un deterioro do estado do río Deza, o proxecto debe someterse a unha avaliación completa e axeitada con relación ao artigo 4, apartado 7, da Directiva Marco da Auga, “así como determinar e protexer as augas utilizadas para a captación de auga potable”. Na súa resposta, o Comisario de Medio Ambiente subliña que “as autoridades españolas competentes, neste caso a Xunta de Galiza, son as principais responsables do cumprimento do Dereito da UE”.

Traslado de máis documentación

O BNG de Lalín, a través do seu portavoz, Francisco Vilariño, anuncia que remitirá máis documentación sobre este proxecto á Comisión Europea, posto que non existe un estudo de alternativas, como suxire a CE que se faga, “e o presentado non propón opcións alternativas fóra das dúas escollidas en puntos de alto valor ecolóxico no propio río Deza”. Vilariño explica que se trata “dun documento que debería estar invalidado, pois nin se valoraron correctamente medidas para mellorar e optimizar a rede actual de abastecemento, con perdas de caudal de máis do 30% no punto final de entrega da auga”.

A portavoz do BNG en Europa considera que o proxecto é contrario á Planificación Hidrolóxica do Estado Membro, que declara este río “Reserva fluvial natural” e de protección ante “captacións futuras de abastecemento”. Neste sentido indica que segundo a Lei 11/2005 de planificación hidrolóxica, só podería xustificarse de non existir alternativas, que nunca foron propostas. “O Bloque seguirá loitando polo cumprimento das directrices europeas para garantir a protección da nosa riqueza medioambiental”, destaca.

BNG demanda á Xunta que xustifique a captación de auga sobre o río Deza ante a posta en dúbida do proxecto por parte da Comisión Europea