congreso

BNG demanda urxencia e coordinación entre administracións para a vacinación da tripulación en alto mar

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego recrimina a falta dun plan específico de vacinación para o sector que atenda á súa realidade e características propias, como son as longas estancias no alto mar que impedirán que podan vacinarse na quenda correspondente por idade.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia a falta de coordinación entre o Goberno do Estado e Xunta de Galiza para a vacinación do sector do mar e, en concreto, da tripulación dos barcos de alto mar e reclama un plan específico para evitar novos surtos a bordo. A formación nacionalista continúa a pular pola colaboración entre as Administracións con competencias na materias, as empresas e a representación sindical para establecer protocolos de prevención, actuación e vacinación.

O BNG propuxo no Congreso a creación dun Protocolo que garanta, en primeiro lugar, o cumprimento das medidas preventivas coas probas necesarias antes de embarcar, en segundo lugar, que coordine ás autoridades no estranxeiro do Estado español, a través do Ministerio de Asuntos exteriores para dar unha resposta común a posíbeis surtos que afecten a tripulantes galego e, por último, que atendan aos longos períodos que pasan fora da Galiza embarcados para citalos no programa de vacinación.

Porén, na súa resposta á iniciativa do BNG, o Goberno non asume ningún tipo de responsabilidade na materia e non compromete ningunha acción para garantir a saúde dos mariñeiros. Primeiro descarga toda a responsabilidade na realización das probas nos armadores e empresas, cando deben ser as autoridades as que vixíen e aseguren ese cumprimento. “Aínda que corresponda ás navieiras a realización dos test e probas necesarios que acrediten que os mariñeiros suben a bordo non portan o virus e tentar así que non xurdan surtos, deben ser as autoridades sanitarias as que comproben que se fai adecuadamente, e todo apunta a que non se está a facer, pois seguen aparecendo casos” apunta Néstor Rego, “é intolerábel que as administracións eludan as súas responsabilidades descargándoas exclusivamente nos empresarios cando está en xogo a saúde das persoas”. E tampouco sinala ningunha acción de coordinación nos axentes en embaixadas e consulados para a atención aos posíbeis casos de positivos a bordo que cheguen a algún porto estranxeiro con mariñeiros galegos a bordo, cuestión que o BNG considera fundamental para unha adecuada atención.

Á nula resposta do Goberno do Estado ante as propostas do BNG sobre crear protocolos para a futura vacinación de sector do mar súmanselle as declaracións da Ministra de Sanidade que afirmaba que a tripulación vacinarase “cando lles toque, na quenda que lles toque e coa vacina que lles toque”. Para a formación nacionalista, ademais da necesidade de estabelecer protocolos de prevención e actuación ante a aparición de surtos a bordo, tamén urxe ao Goberno a coordinarse coa Xunta de Galiza para que establecer un novo protocolo específico que permita vacinar a tripulación dos barcos de alto mar que non poderá acudir a vacinarse na quenda que lle corresponda por idade se se atopan embarcados nese momento.

“Débese atender ás datas e duración das súas estancias en terra para que reciban as dúas doses, ou mesmo apostar por vacinar coas que sexan monodose,  nese período e garantir a saúde dos mariñeiros e a seguridade a bordo” subliña Rego. “Coa creación destas pautas específicas para a vacinación e a súa aplicación, estariamos creando un muro de contención para posíbeis surtos a bordo” apunta tamén o deputado nacionalista.

“Hai que evitar novos surtos a bordo, iso é prioritario, e pon sobre mesa as medidas que se están tomando noutros países, como nas Seychelles onde decidiron vacinar a tripulantes galegos da frota atuneira ou mesmo que existan, no mesmo barco, tripulantes vascos que están vacinados e galegos non vacinados”  engade o portavoz do BNG no Congreso.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG