CONGRESO

O BNG demanda que se dote con carácter inmediato de carga de traballo aos estaleiros da Ría de Ferrol

CIG Congreso
CIG Congreso

O deputado, Néstor Rego, presentou unha PNL no Congreso instando o Goberno a constituír o Complexo Integral para a Construción Naval da Ría de Ferrol.

O BNG insta o Goberno a que tome as medidas necesarias para garantir de forma inmediata carga de traballo até que se inicie a construción das fragatas.

O BNG demanda que se dote con carácter inmediato de carga de traballo aos estaleiros da Ría de Ferrol

Néstor Rego, deputado polo BNG, acompañado dunha ducia de traballadores do sector naval de Ferrol, presentou esta maña unha Proposición non de Lei no Congreso instando o Goberno central a aumentar a carga de traballo nos estaleiros galegos. O BNG ve necesario a constitución do Complexo Integral para a Construción Naval da Ría de Ferrol, convertendo o centro de Navantia Ría de Ferrol (estaleiros de Fene e Ferrol) nunha unidade territorial coa dirección única, con competencias plenas en canto a xestión, que permita optimizar os resultados e maximizar as sinerxías entre as diferentes áreas de actividade que coinciden no ámbito de Navantia Ría de Ferrol.

Néstor Rego insta a que “o Goberno tome as medidas necesarias para garantir de forma inmediata carga de traballo até que se inicie a construción das fragatas” ante a situación de horas baixas pola que está a pasar a comarca e o sector, pídese que se adiante a execución do programa das fragatas F110 e que “se rache con ese corset” para que se poida construír tamén embarcacións civís.

Presentación iniciativa CongresoO deputado nacionalista fixo fincapé na situación na que están moitos dos traballadores e traballadoras da industria auxiliar de Navantia, “hai que aprobar de maneira inmediata as medidas necesarias para que o persoal que se vexa expulsado do mercado de traballo por causas da actual caída de ocupación, poida acceder á xubilación en idénticas condicións que o persoal propio de Navantia”.

Dende o BNG piden dotar o centro de Fene “do persoal necesario de xestión, técnico, e produtivo” para poder afrontar proxectos no ámbito da construción naval civil. Tamén se propón “negociar coa Xunta de Galiza a súa participación no Consello de Administración de Navantia, así como a súa posíbel participación no capital social”. Explican dende a formación nacionalista que se pode “aproveitar este marco de relación para lanzar conxuntamente iniciativas destinadas á efectiva industrialización da comarca de Ferrol”, priorizando a industria e servizos complementarios á construción naval.

 

O BNG demanda que se dote con carácter inmediato de carga de traballo aos estaleiros da Ría de Ferrol