BNG demanda cumprir a normativa de publicidade nas obras de rehabilitación do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo

Néstor Rego
Néstor Rego

BNG exixe ás administracións galega e estatal cumprir coa política de publicidade e transparencia nas obras financiadas con fondos europeos

A organización nacionalista acusa á Xunta de Galiza de ocultar que a obra está sufragada con fondos europeos e de intentar facela pasar por unha financiada en exclusiva pola administración galega e exixe a rectificación

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para coñecer as actuacións que levará a cabo o Goberno español sobre o control e rectificación da publicidade nas obras financiadas con Fondos Europeos destinados ao CEIP Gregorio Sanz en Ribadeo. A organización nacionalista demanda que non se poña en perigo o investimento, polo incumprimento da Xunta de Galiza, e reclaman diálogo entre as administracións para repoñer de maneira correcta a publicidade e cumprir a normativa.

En febreiro, o Concello de Ribadeo recibía un escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, onde se trasladaba unha solicitude de consentimento para a realización dunha serie de actuacións de mellora no CEIP Gregorio Sanz -por ser o titular do inmóbel- facendo referencia ao convenio asinado polo MITMA e a Xunta de Galiza para a execución do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos financiado con fondos europeos. Neste escrito pedíase a declaración responsábel de que o Concello coñece e consente a recepción destes fondos europeos e levar a cabo esas actuacións de mellora, comunicándose así de maneira oficial a concesión dos fondos europeos asignados ao MRR para a execución desta obra.

O acordo incluía unha transferencia directa de fondos do MITMA á Galiza cun importe de 27.331.200 €, destinados a 33 actuacións de rehabilitación de edificios públicos, entre eles centros de educación infantil e primaria, institutos de educación secundaria, centros de interpretación, ou mesmo, edificios administrativos da propia Xunta.

Paralelamente, tamén se puido corroborar que este centro aparece na listaxe de actuacións de “tipo A eficiencia enerxética” cun custo total de 1.005.008 €, e 83 % do custo total, proveñen de fondos europeos. No apartado de cláusulas do convenio, aparecen os requisitos dos inmóbeis que serán obxecto de rehabilitación e tamén os deberes da Consellería en materia de publicidade.

Segundo explica a organización nacionalista, a cláusula décima di literalmente, que entre eses compromisos atópase: “Dar a adecuada publicidade, promoción e información do  PIREP en canto ao financiamento das actuacións que sexan obxecto de subvención. A referida publicidade farase constar mediante a colocación dun cartel ou unha lona en obra co emblema da Unión Europea así como unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea‐ NextGenerationEU‐ desde o inicio das obras coa subvención concedida até o remate das mesmas.

“Hai que facer constar a participación das distintas institucións intervenientes en canta información pública se edite por calquera medio, incluídos os medios electrónicos. Así mesmo, estabelecese a obriga de instalar placas identificativas no exterior dos edificios nas cales se inclúan a referencia ao financiamento con cargo a fondos da UE” explica.

Segundo explica o deputado do BNG, o Goberno do Estado debe dirixirse “á Xunta de Galiza para que faga cumprir os seus compromisos e deberes en materia de publicidade e transparencia, co fin de non poñer en perigo os investimentos financiados con fondos europeos para a rehabilitación integral do CEIP Gregorio Sanz”. Rego quere coñecer as razóns polas que a Xunta incumpriu os apartados de publicidade e transparencia e require repoñer a publicidade da forma correcta para cumprir a normativa e non poñer en risco os fondos europeos destinados para esta obra.

“A Xunta de Galiza, como calquera outra administración, ten uns deberes en canto a publicidade e transparencia cando recibe financiamento doutras institucións; deberes que neste caso non asume por cuestións unicamente de interese electoralista” subliña Rego. Con todo, en opinión do deputado do BNG, faise evidente, que esta forma de proceder é totalmente  malintencionada e irresponsábel. “Pode levar a perder fondos europeos que foron destinados á mellora das instalacións educativas das nenas e nenos ribadenses”  alerta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG