BNG defende no Parlamento que a banca aporte fondos para un rescate hipotecario como axuda á cidadanía que máis o precisa

Mon Fernández
Mon Fernández

Unha proposta “a favor de recuperar para as familias galegas que o necesiten parte do diñeiro que no seu día entregamos aos bancos, e que o goberno galego tome cartas no asunto, como correspondería a un Executivo merecente de tal nome”, declarou o portavoz de Economía, Ramón Fernández

Esta iniciativa do BNG financiaríase cun 25% de fondos públicos e un 75% de fondos das entidades financeiras con actividade na Galiza en función da súa cota de mercado

O BNG defendeu na Cámara que sexa a banca quen aporte a maioría dos fondos para un rescate hipotecario das familias galegas que máis o precisan cunha iniciativa que insta á Xunta a negociar co sector bancario un rescate hipotecario para aquelas persoas que o necesiten.

“Moitas familias galegas pasarán de pagar cotas mensuais de 500 euros, a pagar cotas de 680 euros, e mesmo de 800 euros todos os meses. Unha suba que vai colocar a estas familias nunha situación moi difícil”, denunciou o portavoz de Economía, Ramón Fernández, en referencia ás subas do euribor ata o 3,33% neste ano, o nivel máis alto desde o ano 2008. Unha realidade á que se lle suma a actual crise de prezos, na que no contexto galego son as familias “as que soportan unha inflación moito máis alta que a media do estado español”, criticou, xa que o IPC Galego rematou o ano máis elevado ca no resto do estado, “polo que este encarecemento da cota mensual hipotecaria, chega precisamente nun momento en que a renda dispoñible dos fogares galegos está especialmente reducida”, argumentou, mentres que os beneficios da banca aumentan en pararelo debido, precisamente, a esta suba do Euribor co seu consecuente encarecemento das hipotecas.

Fronte este difícil contexto, a iniciativa do BNG recolle que sexan beneficiarias aquelas persoas con ingresos totais inferiores ao salario medio no estado español ou, tamén, dentro unidade de convivencia, en situación de vulnerabilidade social que acrediten, á súa vez, que o pagamento mensual da hipoteca para vivenda habitual supere o 30% dos ingresos mensuais netos da persoa ou unidade de convivencia. Este impulso consistirá nunha prestación mensual polo equivalente ao sobrecusto xerado na cota hipotecaria ao superar o euríbor nun 1,5%.

O financiamento desta proposta, explicou o portavoz de Economía, provería nun 25% de fondos públicos e nun 75% de fondos do sistema bancario, en compensación polo último rescate á banca que propiciou os “beneficios récord” deste sector no pasado 2022. A banca, argumentou, “debe facer parte da solución agora que son as familias as precisan dun rescate”.

“Unha iniciativa a favor de recuperar para as familias galegas que o necesiten parte do diñeiro que no seu día entregamos aos bancos, e que o goberno galego tome cartas no asunto, como correspondería a un Executivo merecente de tal nome”, emprazou o deputado do Bloque. Unha iniciativa que se atopou co rexeitamento dos Populares, que xa anunciaron que votarán en contra no Parlamento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG