O BNG culpa a ADIF de deixar sen servizo o tren Ourense-Vigo pola situación de abandono desta liña

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “Non é admisible que por un temporal de día e medio a liña quede inutilizada durante dez días. É un problema de inseguridade que se suma ao de horarios e ofertas de percorridos”

O BNG culpa a ADIF de deixar sen servizo o tren Ourense-Vigo pola situación de abandono desta liña

A deputada por Ourense, Noa Presas, denuncia que o estado de abandono no que ADIF ten a liña rexional entre Ourense e Vigo está detrás da paralización deste servizo ferroviario durante dez días simplemente por un temporal en pleno inverno, abandono da liña que a parlamentaria nacionalista atribúe á discriminación das provincias do interior en materia de transporte ferroviario,  como denunciou recentemente xunto coa deputada por Lugo, Olalla Rodil, nunha viaxe-denuncia a modo de trainmovie.

“É un escándalo, porque non é admisible que en pleno século XXI a consecuencia dun temporal de día e medio sexa que a vía vai estar cortada dez días sen poder utilizarse, o que certifica que a liña está nunha situación absolutamente deficitaria e deixa en evidencia que o Goberno central non está a cumprir coas condicións de seguridade e de mantemento que corresponden a estas vías”, denunciou Presas,  abandono e deterioro do traxecto que se suma “a unha deficiencia de horarios e de oferta de percorridos”.

Esta situación de abandono é “inadmisible”, recalcou a deputada ourensá, porque afecta á seguridade das persoas usuarias. Presas avanza unha batería de iniciativas parlamentarias para pedir responsabilidades e esixir medidas concretas para corrixir a deficiente situación da liña que se arrastra desde fai tempo, sumando incidencias no tráfico e mesmo accidentes atribuíbles ao mal estado da liña e das propias locomotoras.

Presas tamén lembra que na Comisión de Infraestruturas prevista para a vindeira semana no Parlamento vai preguntar ao Goberno da Xunta polas xestións realizadas para acabar co “tarifazo avant” polo que os usuarios e usuarias do tren desde a cidade das Burgas pagan ata un 60% nos billetes en relación aos traxectos das cidades do Eixo Atlántico, tendo en conta que xa transcorreu máis dun mes desde que o Parlamento aprobou por unanimidade unha proposta presentada e defendida pola propia deputada para reducir o coste dos billetes desde Ourense a Santiago, A Coruña e Vigo, así como unha modificación do uso dos bonos desconto que, co tempo de uso actual son inservibles para a inmensa maioría dos e das usuarias.